Paula Saá, unha nova promesa para as ciencias

A moza sarriá Paula Saá Tourón, que rematou cuarto de Eso cunha nota media de 10, foi becada polo Ministerio de Educación para participar en Soria no Campus de Profundización Científica reservado só para os mellores alumnos de toda España.
Paula Saá Tourón, nun día de descanso na Mariña
photo_camera Paula Saá Tourón, nun día de descanso na Mariña

UN SELECTO grupo de 80 alumnos de cuarto de Eso, novas promesas da ciencia a nivel estatal, déronse cita en Soria nun Campus de Profundización Científica promovido polo Ministerio de Educación, que se celebrou en dúas quendas ao longo deste mes. Entre eles atópase a moza sarriá Paula Saá Tourón, que acaba de rematar os seus estudos no colexio de La Merced e para quen a experiencia resultou "moi interesante".

"A experiencia é moi interesante", asegura a moza sarriá, quen quere orientar o seu futuro á rama da medicina

Paula Saá, de 15 anos, foi a única representante de Galicia na segunda quenda do campus, que se desenvolveu dende o día 19 ata este venres. Segundo explica, alí compartiu actividades educativas e de ocio con mozos chegados dende lugares como Ibiza, Valencia, Toledo, Asturias, Barcelona ou Valladolid, entre os que fixo "moitas amizades", ademais de adquirir unha morea de coñecementos.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte convoca este campus para alumnos de cuarto de Educación Secundaria Obrigatoria de centros docentes sostidos con fondos públicos, co obxectivo de favorecer neles o desenvolvemento do interese científico, potenciar as súas capacidades –demostradas ao longo do curso, como reflicten os seus expedientes académicos– e fomentar o esforzo individual e a motivación dos estudantes, segundo consta nas bases da convocatoria. Ao mesmo tempo, esta iniciativa contribúe á convivencia e ao intercambio de experiencias educativas e culturais entre mozos de distintas comunidades autónomas.

Os requisitos para poder participan consisten en obter unha nota media no curso escolar 2014/2015 superior ou igual aos 9 puntos e estar matriculado durante o curso 2015/2016 nas materias de matemáticas b, física e química, bioloxía e xeoloxía.

Segundo sinala Paula Saá, foi a súa mestra de bioloxía, física e química quen a informou sobre a existencia deste campus, ao que accedeu cunha media de 9,83, unha decisión da que non se arrepinte en absoluto. "Eu volvería, porque aprendemos moitas cousas que teñen a súa aplicación na vida diaria", asegura.

Durante eses días, a alumna sarriá viviu unha actividade frenética. Gran parte das xornadas adicounas a participar en conferencias, obradoiros ou clases experimentais da man de distintos especialistas nas materias. "Asistimos a talleres para aprender, por exemplo, a mirar a idade das árbores. Tamén fixemos cultivos de bacterias ou asistimos a charlas sobre enerxías renovables. Son actividades entretidas e dinámicas, traballando en equipo, polo que é máis ameno", apunta a moza, quen lembra que non todo é estudo neste campus. "Tamén hai actividades culturais, como unha visita a Soria con guía, ou deportivas, como kayak no río Douro".

O excelente expediente académico desta alumna, que o vindeiro curso estudará no colexio Galén de Lugo, é froito da "constancia" e de prestarlle atención ás explicacións dos mestres. "Atender na clase é o principal, diría que un 60%, e o 40% restante o traballo na casa", comenta. Afeccionada aos deportes acuáticos como natación ou surf, sente vocación pola medicina e, en particular, pola especialidade de pediatría, aínda que tampouco desbota a opción de orientar o futuro a "investigar enfermidades en laboratorio".

Comentarios