As patronais de Viveiro culminan no San Roque

A tradicional romaría do día 16 tivo lugar nunha xornada na que o clima soleado acompañou os almorzos de pandillas e familias, e a procesión na honra do patrón local
O atrio e parte posterior da capela ateigouse de locais e achegados na romaría
photo_camera O atrio e parte posterior da capela ateigouse de locais e achegados na romaría

NON HAI SANTO que por ben non veña. As festas patronais de Viveiro honran cada ano á súa talla máis prezada coa tradicional subida á capela que o alberga e que leva o seu nome: San Roque.

Centos de persoas chegaron onte ata o cumio da citada elevación, ben andando ou ben a motor, a primeiras horas da mañá. Unha vez arriba, as familias e as pandillas disfrutaron dos almorzos que prepararan ou que adquiriron nos establecementos dispostos para a ocasión, sendo o claro triunfador o chocolate líquido.

A misa solemne tivo lugar ás dez da mañá e foi seguida dunha multitudinaria procesión na que tiveron cabida devotos e non devotos, locais e non locais. Unha banda de gaitas amenizou o paseo e a romaxe posterior ao redor do mirador de San Roque. A xornada de libranza, pois o 16 de agosto é sempre festivo local no concello vivairense, permitiu á poboación local disfrutar dunha xornada que estivo acompañada dun clima excepcional "pouco común por aquí arriba, nin vento fai!", como dicía algunha veciña peregrinante.

Coa veneración ao San Roque, despois dos propios axeonllamentos ante Treixadura, os Celtas Cortos e a orquestra Paladium, as celebracións meirandes remataron onte coa romaxe diurna e o lanzamento de fogos de artificio nocturno. E, como di o outro, "chis pún e ata o ano que ven".

DEPORTISTAS. Cada ano son máis os que se animan a coroar o monte máis celebre de Viveiro vestidos con mallas ou pantalóns do Decathlon, e bastóns que axudan a facer o camiño. Destácanse por subiren a ritmo máis apurado que o habitual, portar reloxo dixital e facer un selfie na súa chegada ao mirador.

Precisamente a principios do próximo outubro terá lugar a carreira Penedoman na que os deportistas, en bici ou camiñando, deben competir subindo o monte San Roque para rematar no cumio do Penedo do Galo –o máis alto–.

Comentarios