Patrimonio

CANDO AS SEÑORAS e mais os señores que compoñen a correspondente comisión da Unesco encargada de decidir aquilo que merece ser considerado patrimonio –material ou non– da humanidade toman as súas decisións e deciden facelas públicas, non creo que sexa demasiado arriscado supoñer que moitos dos que formamos parte dese colectivo de preto de 7.000 millóns de individuos ao que se lle ofrece semellante dereito cheguemos nalgún momento a gardar nese recuncho que todos temos destinado ás pertenzas imaxinarias a parte que nos debe corresponder, por cativiña que sexa, do deleite que ela produza, confiando en que poidamos aproveitala cando a ocasión nos sexa propicia.

Estes días atrás a Unesco acordou repartir tamén os bens producidos polo flamenco, a ‘Danza de las Tijeras’, os ‘castells’, a loita en aceite de Kirpinar, o ‘cant de la Sibil-la’, a ‘Huaconada de Mito’ e algunhas outras máis, entre as que tamén están a cociña francesa, a chamada dieta mediterránea e mais a cociña tradicional mexicana e non fomos poucos os que, levados pola curiosidade e botando man de enciclopedias ilustradas, libros de xeografía universal e, sobre todo, da Wikipedia, andamos á procura de información referida a estas novidades patrimoniais e así, entre artigos, fotografías e vídeos fomos sabendo destas outras propiedades nosas e quedando máis ou menos satisfeitos delas.

Certo que a inmensa maioría daqueles que conforman esa humanidade á que a Unesco se refire non lles vai resultar nada doado escoitar unha ‘soleá’, estremecerse cos arriscados pasos dos bailaríns de Ayacucho, ou admirar a axilidade do cativo que se empolinca no cimo do ‘castell’, mais con isto da globalización dos medios pode suceder que calquera día, aínda que sexa na pantalla do televisor dun escaparate, se lles presente unha oportunidade de acceder á esa miguiña de dereito que teñen a esa parte do acervo cultural. Outra cousa será o da dieta mediterránea, a refinada arte culinaria da Francia ou calquera dos contundentes pratos da cociña mexicana se temos en conta que co que cobran polo xantar dunha soa persoa en ‘El Bulli’ ou no ‘Taillevent’ terían cubertas durante varias semanas as súas necesidades alimentarias todos os membros dunha desas numerosas familias.

Se cadra por iso, e no caso que nos ocupa, o de patrimonio da humanidade leva engadido o de inmaterial. Quen avisa...

Comentarios