Patrimonio dos Ancares ve "unha chapuza" a reforma dunha igrexa de Becerreá

Critica que o campanario e o presbiterio do templo de Tortes, do século XVII, se revestisen de cemento en vez de recuperar a pedra
O campanario da igrexa antes de reforma, con pedra á vista, e tralas obras revestido de cemento
photo_camera O campanario da igrexa antes de reforma, con pedra á vista, e tralas obras revestido de cemento

Patrimonio dos Ancares califica de «chapuza» as obras de rehabilitación da igrexa de San Pedro de Tortes (Becerreá), do século XVII. Este colectivo critica, entre outras actuacións, que se revestisen de cemento tanto o campanario como o presbiterio, as zonas onde se interviu, en vez de recuperar a pedra.

O presidente de Patrimonio dos Ancares, Xabier Moure, coincide cos promotores destes traballos -veciños e Bispado, segundo indica- en que o templo requería dunha restauración pola súa deterioración, «pero non de calquera xeito, que é o que aconteceu coas obras».

Moure denuncia que o pórtico-campanario e o presbiterio foron revocados exteriormente con cemento e logo pintados de branco (agás o interior do pórtico). Engade que o «despropósito» desta rehabilitación acadou «o seu cume» nos ocos do campanario, xa que dous deles foron enmarcados con pedra á vista, outros dous con parte de cemento pintado de gris e parte de pedra e o oco restante, todo de cemento pintado de gris.

O presidente de Patrimonio dos Ancares tamén censura que nesta actuación quedara tapiada unha das tres ventás existentes no corpo inferior da torre. «Ademais do despropósito na parte técnica, no aspecto estético mirar para a igrexa asusta», conclúe.

O colectivo reclama ao servizo de Patrimonio Cultural en Lugo que comprobe se as obras se axustaron ao proxecto

O colectivo acaba de enviar un escrito ao servizo de Patrimonio Cultural en Lugo informando desta «chapuza» e instando a que ese departamento comprobe se as obras realizadas na igrexa de Tortes se axustaron ao proxecto.

En contraposición ao feito neste templo becerrense, Moure defende que a restauración debería afectar a todo o edificio -non se actuou nas naves central e laterais- e que debería consistir na consolidación das partes que o precisaran, para despois proceder á limpeza da pedra, «rexuntándoa logo con cales transpirables ou barro e cemento para non danala, quedando así á vista, tal como estaba a torre-pórtico antes».

MAL ESTADO. Antes destes polémicos traballos, a igrexa de Tortes estaba en moi mal estado e tiña grandes gretas, sobre todo no campanario.

Segundo indican dende Patrimonio dos Ancares, nunha intervención anterior, hai xa bastantes anos, revocáronse os muros do templo cunha mestura de area e barro -agás o campanario, que continuou daquela con pedra á vista.

Comentarios