Patrimonio de Os Ancares alerta del abandono de 70 mámoas y 138 castros

Di que están cubertos de maleza, sen sinalizar e afectados pola actividade agroforestal e pola apertura de pistas. Fai extensible ese mal estado aos vestixios da época romana e medieval

A asociación Patrimonio dos Ancares denuncia o estado de abandono das 70 mámoas e case 140 castros da comarca. Quéixase de que están desprotexidos, cheos de maleza, sen sinalizar e sufriron agresións pola acción do home.

O colectivo vén de rematar a primeira fase dun ambicioso plan de catalogación do patrimonio dos Ancares. Neste inventario, ademais de recoller eses vestixios, dá testemuña tamén da existencia de tres xacementos do Paleolítico, nove conxuntos de petróglifos e valiosos restos romanos e medievais. O presidente da asociación, o historiador Xabier Moure, admite que unha recuperación integral é unha quimera, pero avoga pola posta en valor de, cando menos, parte destes vestixios.

O inventario inclúe restos de Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia, As Nogais e Pedrafita, Dos tres xacementos do Paleolítico citados, só houbo traballos arqueolóxicos no de Valdavara (Becerreá). Os outros dous, en Pedrafita, son as covas de Valdabraira e Purruñal, onde Moure cre que se podería atopar importante información.

Dos enterramentos megalíticos, o historiador di que máis da metade das 70 mámoas da comarca concéntranse en Navia. Resalta as cinco dunha necrópole no alto de Restelo, que está nun «estado lamentable de conservación». Este informe tamén fala de nove grupos de petróglifos. Segundo recorda Moure, os primeiros descubertos na zona atopáronos el e a documentalista Pilar Carpente en Robledo (Cervantes) en agosto do 2013, mes no que tamén acharon outros aos pés do pico Mostallar.

Polo que atinxe aos 138 castros inventariados, dende o colectivo din que o único escavado, sinalizado e protexido é o de Santa María do Castro (Cervantes), descuberto nunhas obras nos accesos á igrexa de orixe románica da zona. Moure destaca tamén a importancia doutros xacementos castrexos como o de Teso do Castro, en Navia, e o de Cantiz, en Becerreá.

AGRESIÓNS. O presidente de Patrimonio dos Ancares sinala que o estado de conservación de todo ese patrimonio é deficiente, ao estar «totalmente exposto á acción incontrolada do home». Entre esas agresións cita os traballos agrícolas, as plantacións forestais, a apertura de camiños e cortalumes e mesmo o paso de vehículos.

Fai extensible ese abandono aos vestixios da época romana, entre os que destaca restos de dous asentamentos, de varios tramos de calzada, casi 110 explotacións mineiras, un miliario, unha ara e achados soltos como cerámica e moedas. Nesa liña, di que esa única ara votiva que se conserva na comarca está abandonada no baixo dunha casa particular.

LEGADO MEDIEVAL. Patrimonio dos Ancares segue polos vestixios medievais esta viaxe pola historia da comarca a través do seu patrimonio. No inventario inclúe 28 castelos, torres e casas-fortes, e lamenta que a maioría estea en mans privadas.

Como proba de que urxe a súa posta en valor, Moure resalta que as casas-torres de Piñeira e Vilameixe (Baralla) sofren «un deterioro galopante» e que o castelo de Navia, emblema dese concello, está en moi mal estado, cunha torre con «bloques de cemento». Tamén se queixa do estado de abandono do castelo de Doiras, mantén que a casa-torre de Dumia (Cervantes) «cáese a cachos» e lamenta que a torre de Doncos (As Nogais) siga sen atopar dono.

Tamén nas Nogais, é case como excepción á norma, Moure louva o traballo da asociación de veciños de Torés e do Concello para poñer en valor a torre dese núcleo. Salva igualmente da desfeita xeral as 17 pontes e pontellas inventariadas, se ben resalta que precisan de traballos de limpeza da vexetación.

Tras culminar ese traballo, Moure enviará en breve a cada concello un informe dos bens que hai no seu territorio, propoñendo cales se poderían poñer en valor. Cre que accións como a súa sinalización son asumibles e necesarias, xa que tamén servirían para «concienciar da importancia de preservar ese bens aos veciños».

Comentarios