Chus Pato: "A sociedade galega non valora a artistas nin a si mesma"

A escritora ingresou como membro de número na Real Academia Galega. A poeta ocupa a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xosé Fernández Ferreiro
Chus Pato, durante o seu discurso
photo_camera Chus Pato, durante o seu discurso

Coa entrada de Chus Pato na RAG (Ourense, 1955) incorpórase á institución unha das poéticas máis persoais e vangardistas da literatura actual. A súa é unha voz renovadora e rupturista que se caracteriza tamén por un fondo compromiso ético. Recoñecida internacionalmente, foi traducida ao español, inglés, portugués, serbio, polaco, alemán, italiano ou árabe clásico, entre outros idiomas, e está presente en antoloxías internacionais.

A primeira cousa. Como está a vivir personalmente o seu ingreso na RAG?

Bueno, é un ingreso moi dilatado porque o normal é que ao cabo de seis meses despois do nombramento ingrese na RAG. Pero como cadrou o verán por medio pois ao final se pospuxo hasta o 23 de setembro. E bueno, pasou moito tempo. Pasei por moitos estados anímicos e neste momento o único que che podo dicir é que teño moitas ganas de que pase este día, que pase este acto.

Hai nervios?

(Risos) Eu non diría que hai nervios, eu creo que as manías que teño se agudizan e que estou maniática. Pois pensando que vai ser un día de moito calor en Ourense, pois pensando en a ver que roupa levo (risos), tonterías variadas.

Elixiu para o acto o instituto onde estudou. Supoño que moitos recordos e moita emoción.

Pois a verdade é que si. Fixen o Bacharelato nas Carmelitas e despois, cando xa tiña un pouco de uso de razón, me cambiei e fixen COU no instituto. E, bueno, ese instituto e ese COU digamos que foron moi importantes para min, na miña vida... Tiven uns profesores excepcionais. Ademais, é o instituto Otero Pedrayo, que está moi vencellado á Academia e que ten un paraninfo como hai poucos en Galicia e en todo o Estado español, creo... Moi fermoso.

O seu ingreso ademais é una dobre alegría, porque supón sumar unha muller máis.

Si, é unha cuestión na que todos os periodistas estades. Si, pero tamén é certo que está a sombra do falecemento de Xohana Torres. O feito de que xa non esté deixa ese baleiro, deixa ese oco, e eu espero dende logo que a cadeira de Xohana Torres sexa ocupada por outra muller.

Pensa que a RAG está suficientemente valorada pola sociedade galega?

Máis que a RAG, o que penso é que a sociedade galega en xeral non valora a súa cultura, non valora aos seus escritores, non valora aos seus artistas, non? E, en xeral, penso que nin siquera se valora a si mesma. Desde este punto de vista non foi positivo, evidentemente penso que a RAG non está valorada. Pero insisto, penso que é un problema de autoestima xeral.

Non pensa que teñan nada que ver as loitas internas no seo da institución para non achegarse á cidadanía?

Esas loitas foron un momento de atención da prensa. Ese momento creo que foi o momento no que a sociedade galega en xeral, ou amplos sectores souberon que había unha Real Academia. E coa mesma penso que o esqueceron.

É unha das autoras máis recoñecidas a nivel do país e a nivel internacional. Os seus versos están nos fondos de Harvard. Ás veces faise fincapé nos éxitos obtidos fóra. En todo caso, que significa isto para vostede?

Para calquera poeta o feito de ser traducida ao inglés...

E a máis idiomas tamén.

Si, pero o inglés é moi importante. Eu son unha persoa moi realista e unha cousa é o corazón e outra a realidade. A min pódeme emocionar que me traduzan pois a...

Ao búlgaro.

Efectivamente. Pero eu sei que o inglés, o ruso e o chinés son os idiomas que marcan a entrada en circuitos internacionais. O feito de que haxa cinco libros meus traducidos ao inglés e outras traducións, iso posibilita que o que eu fago sexa coñecido. Outra cousa é a fortuna que iso teña. Pero polo menos estás no escaparate. Tes esa visibilidade nos circuitos, que por outra banda son moi pequenos, moi restrinxidos, no caso dos poetas. Non estamos falando de novelistas. Pero tes a posibilidade de que saiban que existas. E o momento en Harvard, efectivamente, é o momento que entras na posibilidade de que nun circuíto aínda máis amplo miren para ti. É pura xerarquía, como calquera outra cousa na vida.

Ten dito, respecto ao seu traballo, que cando acontece a escritura prodúcese unha especie de shock. A que se refire?

Bueno, iso é bastante complexo. Hai moitos tipos de escritura e iso ten que ver coa miña escritura, como sinto eu a miña escritura. De todas maneiras, a teoría do shock vén de Baudelaire, non a invento eu. Se se quere facer unha escritura que non repite un modelo que xa está dado, que pretende adentrarse en territorios non explorados... É un intento sempre... O intento da miña escritura é iso. Entón é necesario unha intención grande e estar disposto a recibir shocks. Porque se buscas unha escritura que diga algo novo, pois evidentemente tes que afrontar certos riscos, certos abismos, certos precipicios. E ao enfrontarte a eses abismos é cando se produce ese shock.

No diario, como se enfronta a construción do poema, ademais de con ese shock?

Pois, mira, eu vivo como todo o mundo (risos)...

O que pasa é que os poetas sempre teñen esa aura de misterio.

Quizais porque estamos atentos a cousas que outras persoas non. Pero todos os oficios teñen unha maneira de ser, de estar no mundo. Un ebanista seguramente ten as súas maneiras de estar no mundo. A escritura de poemas xa se convertiu en min nunha forma de vida. Eu vivo e ao mesmo tempo pasa que como unha parte da atención no que estou facendo, está no poema. É como unha especie de desdoblamento. É como se estiveras facendo radiografías de linguaxe continuamente.

"A oralidade é fundamental para a poesía, pero coa extinción do galego cada vez se reduce máis"

CAL É A HERDANZA da tradición oral na poesía?

Claro, o oral non é o de antes. Non son os refráns. E ademais aquí entrariamos nunha cuestión moi interesante. Dado que cada vez menos xente fala en galego, esa oralidade que para o poeta é fun damental, pois cada vez se reduce máis. Pois aí estamos nun grave problema respecto á poesía.

Autores que a teñen estudiado, destacan a súa obra vangardista, rupturista. Xa antes adiantaba algo, pero supoño que concibe a literatura como un continuo experimento?

Non sei como concibo a literatura, porque non son unha estudiosa. Concibo o que eu escribo. Sobre a experimentación, a vangarda... quizais teña un punto de vista diferente. Para min a tradición está formada polos grandes poetas que houbo no mundo, que son puntos de inflexión. Eses grandes poetas son irrepetibles e a partir deles o que se fai é repetir o modelo. Dante, que é pura tradición, é pura vangarda. Entón, para min, os conceptos de tradición e vangarda non son diferentes. Outra cousa é que falemos das vangardas históricas, que se dan no periodo de entreguerras que chamamos. Eu non fago poemas de vangarda histórica, igual que non fago sonetos. Que a miña poesía é vangardista? Non o sei nin me importa. Eu o que quero e escribir poesía.

Comentarios