Paseos

Empeza setembro e non aparece por ningures a expresión “outono quente”. Un empeza a dubidar se seguimos en España. Para pór as cousas no seu sitio, o Gabinete de Futuro do Partido Popular, ente creado ad hoc para a elevación da moral, remítenos un burofax confirmando que pasou o peor.

Menos parados, menos mortos nas estradas, Xibraltar traída ao rego, o lume olímpico ardendo en Madrid, os casos de corrupción politicamente clarificados: Bárcenas era un ladrón con sucursal en Suíza; os xefes non sabían nada, e o xuíz que diga o que queira. O horizonte inmediato, por tanto, é de calma chicha con apenas leves nubes: ese “efecto desánimo” que teorizaba un sindicalista en televisión hai uns días. “Efecto desánimo”.

Fóiseme o nome do literato, que pode ser das Comisións Obreiras ou da Unión Xeral; tanto monta. O caso é que o outono avecíñase tépedo e a actividade en alza será o paseo, como preludiaron as instantáneas de políticos silentes en Ribadumia; podía escoitarse o ritmo do cavilar, pausado e ao compás, do estadista pontevedrés e o golfiño dos Peares.

Lonxe de Ribadumia, sobre augas mediterráneas, prepárase outro paseo con mísiles hixiénicos estibados en portaavións –que lonxe queda Siria, e que lonxe a poesía califal e os xardíns–. B e V pasean as súas “caras novas” polas agrupacións locais do PSdeG: para recuperar a conexión do socialismo coa xente da rúa, os seus problemas, as súas inquedanzas; xa saben. Na civilizada Xenebra, berce de Rousseau, unha infanta mide os pasos distanciada por igual do Castro e do castrón. Animémonos, que exemplos a imitar non faltan.

O paseo beneficia de seu a saúde física e os fluxos da conciencia, por algo Aristóteles inventou a filosofía poñendo un pé diante do outro; iso chámase ser peripatético. Aquí había moito patético e pouco peripatético; pero as tornas, por fortuna, van virando. E o home, dicía Novoneyra, “pode ser outra cousa”.

Comentarios