Parellas que viven de costas

Seica vivimos nunha época de tanto individualismo que a man dereita non sabe o que fai a esquerda. Nin sequera se xuntan para aplaudir. Así se pode explicar que nunha parella un non se decate das actividades do outro. Como lle ocorreu á ministra Ana Mato, que polo oído non caera na conta de onde procedía un Jaguar valorado en varias ducias de miles de euros que estaba aparcado no garaxe que compartía co seu home. Ou tamén á infanta Cristina, descoñecedora de como se pagaba o palacete de Pedralbes onde convivía co seu marido. Ou falando de partidos, a Aznar, que segundo o xuíz non ten por que declarar sobre Bárcenas por consideralo innecesario aínda que fora o seu xefe e un deputado que cobrou en B asegurara que fora o ex presidente quen autorizara os seus pagos. Ou sexa, que se lle damos un lapote a alguén podemos alegar que a cabeza non se decatou do que facía o brazo.

Comentarios