As paredes soñadas de Urbano Lugrís

A exposición que Abanca inaugura o venres achégase a Urbano Lugrís muralista. Un campo expandido da súa pintura que coincide coa presentación da rehabilitación do mural coruñés do café Vecchio que se exporá de xeito permanente

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

Se de algún pintor se pode dicir en Galicia que soñou os seus lenzos ese foi Urbano Lugrís. Uns soños que dende o seu talento tamén nos fan soñar cada vez que nos poñemos ante un deses cadros. Fiestras abertas a unha nova dimensión. Superficies cheas de imaxinación, de azuis que fan de mar e ceo superficies coas que envolver barcos e sereas, bodegóns, caracolas e estrelas, peixes fantásticos e cidades. Todo iso é máis compón o abraiante universo pictórico de Urbano Lugrís, unha paisaxe singular da nosa plástica, sempre chea de fascinación para o espectador.

Aínda que tamén sendo pintura, o seu traballo como muralista trascende non só fisicamente do seu estudo, senón que tamén o fai da súa propia vida, mergullándose en diferentes contextos espaciais: cidades, cafés, igrexas, hoteis, sanatorios, confrarías, institucións culturais... cos que Urbano Lugrís vencella o seu traballo, alentando esa imaxinación que así converte o mar en océano, ampliando esa liña do horizonte que en Lugrís é poema de vida, o fío arame do equilibrio entre o futuro e o hoxe, entre o que vemos e o que intuímos, entre o que tocamos e o que soñamos. Esa vida converteuse en inspiración para outros creadores como o escritor Luís Rei quen en O señor Lugrís e a negra sombra, (Xerais, 2007) nun apaixoante relato sobre o pintor e o seu tempo achégase tamén a este outro tipo de encargos que facían que Urbano Lugrís pisase a rúa e entablase relación con outros personaxes. Unha importancia que se manifesta ao ser un deses murais, o agora restaurado e que será o que abra a exposición de Abanca, na sede de Afundación de A Coruña, o que ilustra a capa dese libro. Agora será tamén a partir do cal se artelle esta mostra xunto con outras cento cinco pezas para compoñer así a maior achega ao seu traballo como muralista, que se explora dun xeito detido baixo o comisariado de Rubén Ventureira. Pezas que en moitos casos forman parte das coleccións de arte de Abanca e de Afundación, pero que se completa cun meritorio traballo de procura e selección de obras en coleccións privadas e institucións, sendo algunhas delas descoñecidas para o público. Así poderanse ver un proxecto non realizado para a igrexa de San Pedro de Visma, o óleo Stella Maris, para a Confraría de Pontedeume; o mural do Sanatorio Álvarez de Santiago, ou as trece táboas do Retablo do Descubrimento que Urbano Lugrís pintou en Madrid e que forma parte da colección da Axencia Española de Cooperación, xunto con deseños para vidreiras ou de letras que compuxo para a revista Vida Galega, e todo iso xunto a unha escolma de pinturas para amosar o diálogo entre os dous tipos de obra, a máis pictórica e a máis decorativa.

Esa peza estrela da exposición a Vista de A Coruña 1669 terá ao seu arredor todo o que envolve a esa obra: a súa orixe, a súa ubicación no Banco Hispano-Suízo e no posterior Café Vecchio o seu traslado final e a restauración, iniciada no mes de agosto de 2016 e rematada neste mesmo mes. Unha obra que quedará definitivamente exposta na entrada de Afundación pola rúa Olmos.

Esa vista de A Coruña retoma a realizada en 1669 por Pierre Maria Baldi que por orde de Cosme III de Médicis ilustraba os lugares que percorría o noble florentino, como tambén fixo con Pontevedra. Nesa representación temos moitos dos elementos que protagonizan as súas pinturas, un gran ceo polo que comezaba a pintar os seus cadros, como afirma outro pintor, Antón Patiño, que tan ben coñece a súa obra; o mar, sempre o mar e os seus reflexos que semellan vistos a través dun vidro; unhas arquitecturas silenciosas, case metafísicas; a natureza como xurdida dun cadro de Patinir; unha Galicia máxica como escrita por Cunqueiro e pintada por Lugrís, en definitiva, o soño permanente por facer da pintura un canto fantástico dun territorio que leveda constantemente, como parte dun realismo máxico ao que poucos como Urbano Lugrís souberon concederlle a inmortalidade.

Comentarios