miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Pardiñas: a casa da música tradicional

Mostra de instrumentos de Música tradicional de Pardiñas (Foto: Cristina Pérez)
Mostra de instrumentos de Música tradicional de Pardiñas (Foto: Cristina Pérez)

A Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, celebra este ano a súa edición número 18 co orgullo de ser a primeira cita deste tipo que se organizou no país.

XUNTAR NUN mesmo espazo a todos os que teñen algo que dicir na arte de fabricar instrumentos é o principal mérito dos moitos que acumula a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, unha cita que a Asociación de Gaiteiros Galegos promove dende hai 18 anos na localidade guitiricense de Pardiñas, baixo o paraugas do festival que toma o seu nome da aldea que o veu nacer fai 32 anos.

Unha «conversa co cura» -enténdase Alfonso Blanco Torrado, coordinador de Xermolos e alma máter do festival- de Xaneco Tubío e Anxo Rei, que dous anos anos expuxeran na Mostra de Artesanía de Pardiñas, acabou por converterse na primeira Mostra de Instrumentos de Música Tradicional que se fixo a nivel estatal.

A súa motivación era sinxela, eles tiñan un mercado moi definido, de «pezas con pouca saída, especiais e caras» que pouco tiña que ver coas feiras multisectoriais que copaban o calendario festivo.

«Daquela había unha remesa de artesáns novos, que tiñamos de 20 a 30 anos, con moitas ilusións e moitas ganas de que se vise o noso traballo», lembra Xaneco, quen tamén precisa que a elección de Pardiñas no canto doutro lugar foi sinxela: «Escollemos Pardiñas porque é a Feira e a festa da música e da arte, a exaltación da nosa cultura popular, musical, artística e artesanal».

Unha vez decidido o escenario e o espírito da cita, «sacar un cachiño do noso taller á sociedade, que servise como punto de encontro, intercambio de opinións...», faltaban os protagonistas, que Xaneco buscou porta por porta: «Alá me votei por todos os talleres que había en Galicia, para facer unha visita e presentar a idea».

Para convencelos, nada mellor que a súa propia visión do que querían acadar coa mostra, «unha manifestación xenuina do que é a cultura musical galega, onde se vise o traballo do taller, os intrumentos, os novos materiais, o oficio...» e tamén «un centro de reunión entre artesáns e músicos», dada a relación simbiótica que hai entre estas dúas familias intimamente vencelladas.

Dezaoito anos despois, ese sinal identitario mantense inalterable e por Pardiñas levan pasado ó redor de 40 obradoiros profesionais que traballan en Galicia, así como diversas representacións daqueles que conciben a fabricación de instrumentos coma unha dedicación secundaria, que elevarían, segundo apunta Xaneco, ata 70 o número de talleres espallados pola xeografía galega.

A mostra de instrumentos adoita reunir en torno ós 20 ‘feitores’ -24 foi o máximo-, nos últimos anos todos procendentes de Galicia, aínda que nos comezos tamén teñen participado artesáns vascos, casteláns, cataláns, asturianos ou mesmo portugueses.

«Hoxe en día só participan artesáns galegos, porque hai moitos talleres e démoslle un enfoque galego a mostra, aínda que as portas non están pechadas e se alguén chama, pode vir», explica Xaneco, presente na mostra dende a primeira edición, que organizou en solitario. Logo, uniu forzas con outros habituais, coma Oli Xiráldez, Chilro ou Mouriño, que agora comparten responsabilidades organizativas.

E non sempre é doado pór en pé esta mostra, cuxos gastos asume agora integramente a Asociación de Gaiteiros Galegos, xa que dende hai dous anos a Xunta de Galicia deixou de contribuír á cita. Por expoñer nunca se cobrou, pero se antes era a organización a que corría cos gastos da estancia dos artesáns, agora son eles os que teñen que asumir os custes.

Homenaxes

Nos primeiros anos da mostra fíxoselle unha homenaxe ó artesán gaiteiro Anxo Rei, falecido pouco antes, e este ano tamén se lle dedicará a mostra, a título póstumo, a Pablo Cid Peiteado, «un artesán novo de Antas de Ulla que era unha promesa na contrución de zanfonas».

Pardiñas: a casa da música tradicional
Comentarios