Paranoicas Pelexas de Galos

Supoño que os que algunha vez tragaron co galeguismo do Partido Popular anceiarán aqueles vellos tempos nos que a versión galega desta formación si tiña unha personalidade ben marcada, até o punto de ter unha sintonía electoral de seu (aquel famoso “Xuntos” de Juan Pardo que fora sintonía dun vello e fugaz concurso da incipiente TVG) diferenciada da do partido estatal (“charán-charán-chararararanchan”, que como españois de pro que son, tampouco teñen letra no seu himno), e mesmo aprobaba ponencias políticas nas que se chegaba a sinalar como obxectivo ocupar “o espazo nacionalista de centro dereita”, como en certo congreso provincial do PP pontevedrés a principios dos 90.

Pero como ben saben, dun tempo a esta parte a formación conservadora está a atravesar un momento de esquizofrenia política que a leva a orientar a parabólica por veces a Compostela, e de seguido á rúa Génova. Non hai demasiados días, un xornal publicaba a intención do PPdeG de recuperar o galeguismo e o centro políticos (eleccións, benditas eleccións), e mesmo quixeron facer visíbel a viraxe. Marcharon ofendidos cando foron tachados de herdeiros cromosómicos do franquismo, e esta mesma semana aprobaron coas outras forzas políticas o recoñecemento ás vítimas da Guerra Civil e a condena do franquismo.

E pasou o que tiña que pasar. Tronos e lóstregos desde Madrid cuestionando dita aprobación por ser “confusa” (confusa seica porque PSdeG e BNG tiveron en conta as enmendas dos populares?); e unha volta máis, cando mamá Madrid se enfada, o outro Alberto, o non madrileño, vai e ceiba que condenar o franquismo é “desviar a atención” da situación económica (cando o franquismo hai xa moito tempo que tiña que estar condenado e soterrado, pero “algúns” encargábanse permanentemente de adialo); e como non, hai que derogar o decreto do galego no ensino, mesmo que fose a aplicación escrupulosa do Plano de Normalización aprobado, entre outros, polo propio Partido Popular galego.

Daquela, con estas derrapaxes por razón de oportunidade (ou oportunismo?), a antano personalidade do PPdeG virou, coas mesmas siglas, en Paranoicas Pelexas de Galos. E claro, malamente pode gobernar nada quen aínda non é quen de se gobernar a si mesmo...

Comentarios