domingo. 25.07.2021 |
El tiempo
domingo. 25.07.2021
El tiempo

Alfredo Pardo: ''De los cortos no vives, puedes arruinarte con ellos''

DETRÁS DE OBRAS coma ‘O labirinto ario’ ou ‘Garabolis’, nominadas ós premios Mestre Mateo, está Alfredo Pardo, un chantadino que aposta polo ‘rural underground’ como estilo para promocionar e potenciar o rural galego, as súas formas de vida e a súa riqueza oculta. Este chantadino pasou da Electrónica Industrial ó mundo da dirección de curtas.

Como comeza a vinculación de Alfredo Pardo co audiovisual?

Coa lectura de ‘Feliz Ano Novo’ do escritor brasileiro Rubém Fonseca. E particularmente co conto ‘Desquencias dun mozo escritor’ que foi o culpable da adaptación literaria cinematográfica e posterior rodaxe da mediometraxe ‘Punto e final’, o primeiro filme feito en Chantada coa participación de máis de 200 veciños da vila. O cartel foi debuxado polo pai do cómic underground ibérico Nazario.

E chegou Chantada Films.

Naceu no 2001. Creamos unha asociación inexistente no sur lucense adicada ó mundo do audiovisual para poder canalizar e levar a cabo o estudo, realización, difusión e distribución de material cinematográfico. Defendendo a nosa lingua a través da imaxe. Chantada Films está formada por xornalistas, obreiros, enfermeiros, labregos, avogados, mecánicos e por calquer persoa que queira impulsar a través das curtas a nosa comarca e vila histórica.

A primeira obra foi ‘Punto e final’ con Chantada Comunicación S.L.

Para a realización dunha curtametraxe fai falta gañas e medios. Televinte, de Chantada Comunicación, abriu ese espazo tecnolóxico na sociedade chantadina. Non só emitindo programación propia senón colaborando en iniciativas audioviuais pioneiras.

Despois veu ‘O labirinto ario’.

‘O labirinto’ supuxo unha profesionalización tanto a nivel persoal coma técnica. Nela participaron Mela Casal, Alejandro Carro, Beatriz Serén ou Julio Cela. Foi unha produción difícil, con moitas localizacións e gran complexidade loxística. Foi un reto levar a pantalla a primeira curtametraxe galega sobre o conspiracionismo nazi, co doble de Franco -Ramón Pérez, de Monforte-, alieníxenas do planeta Ummo, científicos en bases subterráneas e misas negras. Foi nominada ós Premios Mestre Mateo 09, seleccionada no Festival de Cans, no Festival Transterritorial de Cine Underground de Bos Aires e tivo un apoio social sen precedentes, ó realizar a Xerencia da Rede Museística Provincial de Lugo uns actos de apoio por tódolos museos. Realizou o cartel Pedro Vera, debuxante da revista satírica El Jueves.

De cara o futuro teñen unha historia de terror coa colaboración de Lou Carrigan e unha adaptación audiovisual da saga Pánico.

Antonio Vera é un dos mellores escritores de novela popular, que co pseudónimo de Lou Carrigan conta con máis de mil obras publicadas, das que seis foron levadas ó cine. O autor cedeu os dereitos dunha novela súa para colaborar con Chantada Films. Nestes intres a guionista Ana Diz está a traballar na adaptación cinematográfica do que será o noso próximo traballo. Tamén queremos facer unha adaptación da celulosa ó celuloide dun cómic de terror dos 70. Un cinema de experimentación, onde filmaremos plano a plano a exactitude das viñetas mesturado con actores reais e tratando as imaxes con efectos dixitais.

Chantada Films traballa o xénero ‘rural underground’.

O ‘rural underground’ é un selo de denominación de orixe audiovisual onde intentamos reflectir nos filmes os núcleos rurais, aproveitando os valores paisaxísticos, a cultura popular e as nosas tradicións. Experimentamos cos recursos rurais, as novas vangardas e fomentamos a participación dos veciños no cinema.

A firma tamén ten unha implicación social, promoveu un manifesto para eliminar do rueiro chantadino os nomes franquistas.

Reclamamos ó Concello o cambio inmediato dos nomes da ditadura nas rúas cunha campaña de recollida de sinaturas e esixindo que se aplicara a Lei da Memoria Histórica. Dende o Concello apoiaronnos, coa resultante dunha boa limpeza do noso rueiro.

Están na plataforma económica pola defensa de Chantada.

Queremos defender os intereses de Chantada e comarca. Decía Daniel Vázquez Bóo -fundador da Liga de Amigos- que «pobo que non se move, é pobo morto». Nós estivemos en derrame cerebral, ignorados e pisoteados por un manto caciquil. Unha opresión tan forte que todo o potencial económico que Chantada podía ofertar era enterrado baixo terra. Os tempos cambian e as xeracións tamén. E cando temos que saír a rúa a defender o noso facémolo.

A maiores, promoveron o primeiro estudo sobre a traxectoria cinematográfica de Chantada.

No libro ‘Crónicas Chantadinas’, coordinado por Andrés Pavón, alóxase un pequeno estudo onde suscribo que a cultura visual implántase no 1912 coas veladas cinematográficas organizadas pola sociedade La Liga de Amigos. Documentación de La Terraza, a primeira sala sonora estable, un repaso polo férreo control da censura e imaxes gráficas inéditas coma a da rodaxe da película ‘Fuego’ en Belesar.

É posible traballar no eido audiovisual dende Chantada?

Neste desolador panorama económico, nós fixemos no 2010 dúas curtas, ‘Garabolis’ e ‘Amor Ansioso’, ademáis do spot oficial do Castañazo Rock. Actualmente o sector audiovisual, dado os avances tecnolóxicos e dixitais, non ten ataduras físicas. Se as ideas son viables e orixinais o territorio onde estea un non crea fronteiras, só están na nosa mente.

Como está o sector en Galicia, hai premios coma os Mestre Mateo, está o festival Cans?

Todo este submundo festivaleiro só sirve como vínculo promocional, ademáis de alimentar o ego que cada un poida ter. A maior enfermidade que teñen algúns festivais é que dende a organización actúan cunha bipolarización galopante, pretendendo sectorializar o audiovisual en contra dos seus principios e a favor dos seus propios intereses. Esquecendo o apoio, defensa e difusión de obras cinematográficas, nunha especie de circo privaticio e alineado. Están os que non notifican a chegada dos traballos, nin avisan se estás seleccionado nin siquera onde vai ser proxectado. Afortunadamente, nesta xungla audiovisual, tamén podemos atopar festivais sans onde o teu traballo lexos de deixalo nunha espiral ostracista é tratado con respeto e danlle a maior difusión posible.

DE PRETO
''As curtas de David Vázquez fan pensar ó espectador''

Pódese vivir de facer curtametraxes?

Non. Máis ben un pódese arruinar con elas.

Se un fillo seu lle dixera que se quere adicar a facer curtas que lle diría?

Se cres nelo, adiante. Só trata de intentar facelo o mellor posible.

É Chantada terra de profesioais audiovisuais? Dígoo porque David Vázquez, un amigo e veciño seu, tamén está neste mundo con éxitos coma ‘As Almas do Fental’ coa que compartiu candidatura ós Mestre Mateo.

David Vázquez a parte de ser amigo foi o director de fotografía de todas as curtas rodadas por Chantada Films. Traballos coma ‘Empantanados’ ou ‘As almas do Fental’, reflicten un cine de autor, de denuncia, cunha narración visual chea de metáfora poética e gran compromiso social. As curtas de David Vázquez non deixan indiferente o espectador. Fainos pensar, quizáis madurar tanto na crítica coma en sentimentos, e eso non é tarefa fácil.

Cal é o seu reto a nivel profesional?

Que poda continuar nisto, facendo o que me gusta, que son as curtametraxes de ‘rural underground’.

Alfredo Pardo: ''De los cortos no vives, puedes arruinarte con ellos''
Comentarios