Pandigueiro

«Vaite logo meu ninín (ou niniña),/ marcha agora prá camiña/ que vai vir o Apalpador/ a palparche a barriguiña». Está a chegar. Xa ven baixando das devesas do Courel, Ancares, Cebreiro e Val do Lóuzara o Pandigueiro ou Apalpador, ese home de oficio carboeiro e corazón grande.

O día 31 ha apalpar as barrigas dos nenos e nenas durmidos para saber se están ben mantidos ou pasan fame. Aos primeiros diralles «Así, así esteas todo o ano» e aos segundos deixaralles unha presa de castañas para lles matar a lareca.

A figura do Pandigueiro foi recollida polo investigador José André López Gonçález e toma pulo este Nadal grazas ao labor divulgador de asociacións como a Gentalha do Pichel de Santiago. A derradeira noite do ano é boa noite para as promesas e para arrincar a fame dos cativos.

Oxalá milleiros de pandigueiros anden a baixar das montañas da indiferenza para camiñar sobre os cascallos de Gaza, para atravesar os túneles que conducen a Exipto, para poñerse diante das balas dos israelís. Oxalá a comunidade internacional abandone dunha vez a hipocrisía e actúe de inmediato para deter a vergoñenta matanza de cidadáns palestinos. Oxalá as pantuflas do Apalpador sexan morno acubillo de tanto soño de paz estragado.

Comentarios