Palabras que tienen contenido

Equipo do instituto A Pinguela que participou no Parlamento Xove. EPL
photo_camera Equipo do instituto A Pinguela que participou no Parlamento Xove. EPL

«Si, as marcas, unha maxia incrible, peculiar e de dubidosa moral. As marcas parecen facernos máis fermosos, máis altos, máis atractivos e, sobre todo, máis ca os outros. É milagroso, non credes? Que unha etiqueta pegada na solapa da camisa poda pasar de converterme nunha persoa que non merece a vosa lectura a outra de alto standing. Pois pasa, e quen se pode estrañar? Se hoxe todo se rexe pola apariencia, polo visual. Parece que somos unicamente capaces de usar a vista e, ironicamente, iso convértenos nos cegos máis acérrimos».

O texto anterior é un parágrafo dun artigo de Sabrina Rodríguez Castro, unha alumna do instituto A Pinguela de Monforte que participou no concurso Parlamento Xove que cada ano organiza a Dirección Xeral de Xuventude no propio Parlamento de Galicia.

Os centros concorren por equipos e, por unha banda, deben facer unha defensa oral conxunta dun tema. Pola outra, teñen que pasar unha proba escrita de xeito individual. Precisamente nesta proba os estudantes tiveron que defender ou criticar o uso de roupa de marca.

A Sabrina Rodríguez tocoulle posicionarse en contra da roupa de marca e basou o seu texto nas diferenzas que crean na sociedade as marcas. O xurado considerou que o seu artigo era o mellor de toda a comunidade galega polo que a autora recibiu un ordenador portátil e os seus compañeiros da proba de equipo levaron un disco duro portátil.

Na disciplina conxunta a maiores de Sabrina Rodríguez estiveron Pablo Casas, David Penas, Lucía Casas, Andrea Díaz e Cintia Carneiro e, aínda que non gañaron, a cousa tampouco lles foi mal de todo. O tema que lles propuxeron a debate foi a globalización en canto a destructora ou potenciadora de culturas. O equipo da Pinguela chegou ás semifinais e perdeu ante o IES Laxeiro de Lalín nun debate moi igualado. Á súa vez, os estudantes do Laxeiro caeron derrotados ante o colexio La Salle de Santiago que se fixo co primeiro posto.

En calquera caso, todos os que participaron deron mostra da capacidade das novas xeracións para defender unha proposta e falar en público, deron mostra de que na súa vida hai algo máis ca videoxogos e que lles preocupa o mundo que os rodea, cousa que ás veces os adultos poñemos erroneamente en dúbida.

Escribe Sabrina Rodríguez sobre as marcas que «debería doer a alma por ver como somos capaces de buscar calquera escusa para atacar aos demais e así asegurarnos de que aos que non atacan é a nós. Non nos arriscamos a estar fóra da moda, non nos atrevemos a saír un paso do camiño que nos traza a tendencia, temerosos de desviarnos e ser incapaces de atopar a ruta de volta. Temos medo de ser apartados...» e, engado eu, que igual iso non só nos pasa coas marcas.

Comentarios