As palabras dalgúns días

Pasou o día de Santiago e canda el pasaron ofrendas, manifestacións, fogos de artificio, imposicións de medallas, atascos automobilísticos, músicas e cantigas, asombro nos ollos dalgúns camiñantes, tristuras e ledicias, farturas e sedes -das de beber e das outras- e tamén unha chea de discursos, alocucións, prédicas, apoloxías, sermóns e mesmo arengas e soflamas, máis ou menos vehementes, nas que, estou seguro, resoaría de contino o substantivo Galicia —ou Galiza— acompañado dunha chea de adxectivos, case todos encomiásticos, que, partindo da rotundidade dunha voz convencida, da quentura do momento ou da elaborada prosa do texto do ‘negro’ de cámara —e nómina—, encheron ámbitos habitados por homes e mulleres de vaqueiros e camisa aberta, ou por homes e mulleres de traxe formal e gravata, ou por esas poucas persoas amigas que acudiron en demostración de afecto e fidelidade. Como escribiu —e tantas veces declamou, enaltecendo multitudes e agasallando a compañeiros de paseo demorado ou a simples clientes nocturnos de taberna de acollida invernal— o noso Uxío Novoneyra: «...hast’os que calan din Galicia», mesmo sendo el sabedor de que son demasiados —por poucos que sexan— os que volverán quedar mudos xusto despois de gardar os papeis mecanografados no cartafol de fino coiro para que agarden alí o momento de seren trocados polos que haberá que ler no seguinte acto solemne.

 

«Iles ises din dixeron verbas que non son verba que só son verbas» reza un verso doutro poema do courelao e algo hai nel que fai que se lle veña a un á cabeza mentres está a revisar o antes escrito e agarda para volver á rotundidade da Letanía de Galicia e ler —tamén para escoitar por máis que xa logo vaian nove anos de silencio—:
«...recóllote i érgote no verbo enteiro/ no verbo verdadeiro que fala o pueblo».

 

Está sendo tempo de aprender outra vez a súa lección e facer por emular a Novoneyra esforzándonos para recoller, para erguer até onde sexamos quen, aquilo que nos fai ser máis libres e solidarios, máis cumpridos cidadáns do mundo, máis respectuosos cos nosos semellantes, máis sabios, máis universais...

Comentarios