Paisaxe e paisanaxe de cine

Seimeira de Vilagocende, na Fonsagrada. (Foto: J. Vázquez)
photo_camera Seimeira de Vilagocende, na Fonsagrada. (Foto: J. Vázquez)

CANDO me pediron un retrato da Fonsagrada a xeito de imaxinario viaxe persoal, a miña mente transformouse de inmediato nun manancial de imaxes do que empezaron a xermolar a cachón reflexións sobre vivencias, sensacións e recordos de lugares e xentes; persoas que aínda están, pero moitas máis que xa non están. É un síntoma da idade, como o é descubrir e saborear tardiamente cousas próximas que de mozo un non alcanzaba a percibir, por ignorancia ou insensibilidade. Envellecer é aprender cada día cousas novas, xa dicía Platón.

E que pode contar un fonsagradino da Fonsagrada? En principio, só bondades, pois as maldades, que as hai, mellor silencialas. Coas raíces sucede igual que coa nai, que non hai máis que unha, ou como di un proverbio africano, polo menos non a hai nai mellor que a dun mesmo. A terra tamén é nai, e tamén marca.

A vida dura e illada da montaña deixou en herdanza un rico patrimonio natural e etnográfico (como o visitante poderá apreciar no Museo), pero tamén marcou a lume aos fonsagradinos, que levamos incorporado un xene identitario especial caracterizado pola rebeldía. Como di un amigo, «se nos unísemos os de berce e adopción, formariamos un lobby capaz de mover o mundo».

Porque A Fonsagrada, ademais de terra de paisaxe, é fundamentalmente terra de paisanaxe, que ten que ver moito coa hospitalidade. Un vínculo a xeito de arañeira que une personaxes variados: uns de renome e outros anónimos.

Poucos municipios poden presumir como A Fonsagrada de dous presidentes de Goberno, un en España e outro en Arxentina.

Nun caso, trátase de Manuel Portela Valladares, que malia ser pontevedrés de nacemento, chegou a ministro no reinado de Alfonso XIII e presidente do Goberno da II República, sendo elixido deputado ‘cunero’ pola Fonsagrada, con apoio de prohomes locais, especialmente o médico republicano Armando Peñamaría e a publicación O Tío Pepe, que enxalzaba a súa figura.

E xa froito do éxodo migratorio, a presidenta Cristina Fernández de Kirchner, neta do fonsagradino Pascasio Fernández, que emigrou en 1920 dende Mazaeda de San Pedro de Neiro para gañarse a vida en Bos Aires como xastre.

Aínda que a inquilina da Casa Rosada é unha rara excepción e non se reivindica como fonsagradina, Portela, dende o seu exilio parisino, si fixo gala de amor á terra de acollida e sempre se mostrou morriñoso e afectuoso: «Fonsagrada, alta montaña (...) De todo o dilatado pretérito van as ansias e as devocións conmovidas a aquel anaco de terra, abrigado nos picos dos Ancares, con estes gozos e gozos e amores que por tantos anos encheron o peito», lembraba melancólico.

E como mostras deste paisanaxe cito tamén ao debuxante Forges, fillo de Antonio Fraguas Saavedra ( ‘O Nenón’), o historiador Pejerto Saavedra, o lingüista e catedrático de Filoloxía Románica Antón Santamariña, e outros moitos, como o meu bo amigo Andrés Rodríguez Castelao, que fixo de muñidor para levar un final de etapa da Volta Ciclista a España ata os cumios da Fonsagrada.

E que dicir do produtor Julio Fernández, presidente de Filmax, capaz, «a base de ousadía e atrevemento», de facer carreira no difícil e exclusivo mundo do celuloide. O seu salto dende a aldea natal de Cereixido a Hollywood ten o mérito dun triplo mortal no baleiro.

Como tamén o ten converter A Fonsagrada en plató natural por dúas veces. Unha para filmar ‘Tierra del Fuego’, dirixida polo chileno Miguel Littin,montando un auténtico balbordo pola presenza de Ornella Muti, «os ollos máis belos do cine italiano», xunto co cubano Jorge Perugorria e os galegos Uxía Blanco e Nancho Novo.

Anos máis tarde, e tamén co empeño de Filmax, a luminaria do celuloide volverían enfocar A Fonsagrada para a rodaxe de ‘Romasanta’, o licántropo de Allariz, dirixida por Paco Plaza, e con Julian Sands e Elsa Pataky dando vida aos principais personaxes.

Pero A Fonsagrada tamén é terra de paisaxe, gastronomía e arquitectura popular. E esta contorna lendaria é a que se reflicte no poético documental ‘Eloxio da distancia’, realizado polo leonés Felipe Vega, con guión do escritor Julio Llamazares.

Como no cine, A Fonsagrada real tamén é terra de contrastes (luz-néboa), mitos ancestrais e natureza salvaxe, do que están a dar fe os miles de peregrinos que seguen ruta ata Santiago polo Camiño Primitivo, sendeiro natural que atravesa o municipio.

Atractivas paisaxes brancas en inverno, paraxes virxes como a conca do Rodil, a fraga de Carballido, a ruta dende a praia fluvial da Pena do Inferno ata o conxunto fabril da Ferrería, o souto de Gallol, a serra do Invernal e un regueiro de espazos agrestes e bravos sen rastro da man humana son lugares ideais para a evasión e o relax do corpo e o espírito. Como o son os entornos das seimeiras de Vilagocende e Queixoiro, senllos balnearios naturais que trasladan o visitante de novo ao cine. Neste caso, ás imaxes da película ‘A Misión’, dirixida por Roland Joffé, e con papeis estelares de Robert De Niro e Jeremy Irons.

A Fonsagrada tamén é gastronomía: butelo, pastel homónimo, cogomelos, castañas, embutidos, porco celta, patacas, grelos, freixós, cocido, caza e outras viandas naturais que se poden deleitar en restaurantes da zona como o emblemático ‘Cantábrico’, rexentado polo carísmático e entrañable ‘Bolaño’. E mención á marxe merece o polbo, prato de terra adentro, como apuntaba Álvaro Cunqueiro, con templos como O Caldeira e O Candal, que se enchen as fins de semana de peregrinos do bo comer con excursións dende os lugares máis insospeitados.

A Fonsagrada é ademais porta de entrada e saída da ‘irmá’ Asturias, cada vez máis accesible dende que a estrada LU-530, dende Lugo, perdeu o erotismo das estreitas curvas de antaño, e se renovou o ‘Y’, que leva ao viaxeiro a Os Oscos ou Grandas de Salime, dende onde o encoro inunda o val de Negueira de Muñiz.

O paraíso fronteirizo dos Oscos (As Hurdes asturianas) debería ser un espello no que mirarse para os fonsagradinos polo seu mimo pola tradición, a dignificación da etnografía, o bo gusto pola recuperación da arquitectura tradicional e a sensibiliazación cara á non agresión do medio.

Agora que volve a febre do ouro, non viría mal lembrar que os asturianos souberon ver con audacia o filón que tiñan enriba da terra. E non necesitaron prospeccións subterráneas como as que se proxectan na Fonsagrada. O exemplo a seguir está nos Oscos.

Sen dúbida, esa é a materia que teñen pendente os fonsagradinos, malia protagonizar acontecementos históricos, como ser os coelliños de indias, en 2008, do primeiro apagamento analóxico de España ou ser testigos da visita, en 2007, con comida mitin incluída, do entón presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero. Ambos, eventos mediáticos que amoleceron a nosa natural rebeldía con grandes promesas aínda non consumadas.

Comentarios