País sen paisaxe

E SEN paisanaxe, a pouco que demógrafos sombríos acerten nas súas previsións: fálase dun millón de galegos menos no 2050. Cando a maioría das provincias medra en poboación, Lugo e Ourense seguen a desangrarse de xente. Somos ricos en vellos e iso é un privilexio, pero somos moi pobres en nenos, e iso é una desgraza.

País sen paisaxe. A demencial e xigantesca burbulla urbanística, xunto a inoperancia legal e administrativa de Concellos, Estado e Autonomías, é responsable da destrucción masiva das paisaxes.

Leiras e fincas poden ser particulares. E os pisos. E os chalets. E a macrourbanización de Miño tamén, pero as paisaxes son de todas e de todos. Vítima da desfeita urbanística, a cidadanía ten dereito a reclamar unha man dura e implacable contra os que rouban as paisaxes de todos.

Se fóramos un país decente, ás dúas décadas de borracheira construtiva deberan suceder vinte anos de excavadoras, dinamita e demolicións. Sen piedade e sen excepcións nunha España, nunha Galicia campionas europeas de desastres urbanísticos e feísmos
de formigón.

Iso si, temos leis abondas, chiringuitos oficiais, organismos mil que din dedicarse á protección medioambiental. Entre todos eles, máis a incompetencia, máis a corrupción pura e dura (esa punta visible do iceberg que agocha outras nove partes de euros sucios), máis a complicidade social acabaron por espir a terra máis fermosa do mundo do seu valor máis grande: a paisaxe.

Na costa da península, case illa ibérica, na recortada e fermosísima costa galega que xa só existe na memoria das guías turísticas, escasea a area e medra o cemento, faltan os rumorosos da costa verdescente e sobran os cimentos que bican as ondas.

No quinquenio inicial deste século, o solo urbanizado medrou un 20% nos dous primeiros quilómetros de costa. Nada parece frear a estupidez celtibérica, as ganancias duns poucos. En Europa botan as mans a cabeza e denuncian unha e outra vez a incapacidade de España para protexer o mellor que temos e o único que podemos vender fóra.

Expulsamos da terra rías e ríos. Fauna e flora foxen espavorecidos deste exército de Pancho Villa que arrasa coas pezoñas o que é incapaz de conservar coa cabeza e co corazón para os netos. Vendemos o aire de todos para as eléctricas de poucos. E sementamos urbanizacións sen sanear nas rías máis produtivas do mundo.

Nunha das decisións máis aberrantes recoñeceuse a autonomía municipal para arrasar o que é patrimonio inalienable de todos. Desde cando os concellos e alcaldes cativos son os donos das súas paisaxes?

Aquí, en Galicia pouco queda por estragar, pouca costa virxe por protexer. Entre políticos miopes, administradores incompetentes, feixes de corruptos, organismos ineficientes e a complicidade suicida de todos nós, case o temos conseguido: un país sen paisaxe. 

Comentarios