La paella, con más paella

OS GUIONISTAS provócanme unha certa compaixón. Deben de andar mal alimentados. Unha eiva que eu atribúo a que adoitan facerlles encargas voluminosas a desenvolver en pouco tempo que eles cúmprenas en madrugadas luminosas de pantalla de ordenador e lámpada sueca. A miña desconfianza vén de que é raro mirar nunha película ou nun cómic actuais a personaxes comendo e aínda máis gozando do que están comendo.

Afortunadamente Jorge Coira empuxou cara adiante a convición de que a maioría das decisións importante tomámolas sentados a unha mesa. O director lucense rodou arredor de ‘18 comidas’, pero a súa proposta é singular porque a comida ten lugar protagónico.

Mesmo hai cincuenta anos, cando os guionistas de Hollywood desenvolvían estruturas de películas e non fases para videoxogos, -cando escribían ‘Cayo Largo’ e non ‘Avatar’- fumábase e bebíase a esgalla, pero aforraban en cociña que daba gloria. Na película de Huston, Claire Trevor anda escea tras escea agarrada ao pescozo dunha botella porque fai de alcohólica, pero non lembro os personaxes de Humphrey Bogart ou a Edward G. Robinson esforzándose en mantérense sobrios nin por erixírense en precursores heroicos da lei antitabaco.

No cinema aínda temos o brillante diálogo sobre as diferenzas entre as hamburguesas norteamericanas e europeas que escribiu Tarantino para ‘Pulp fiction’, pero o cómic occidental deixaría sen saída a boa parte das nosas escolas de hostalería.

O tebeo xaponés é distinto. Como teñen o manga como guía permanente para relacionárense con calquera aspecto da realidade que intúen non comprender de todo, abriron tamén unha liña de publicacións coñecida como ‘manga gastronómico’.

O ano pasado, Astiberri traduciu para o español ‘El gourmet solitario’, de Jiro Taniguchi e Masayuki Kusumi, un traballo sobre un empresario occidental que percorre Toquio sen gps. A maiores da achega artística, as viñetas levan unha carga divulgativa sobre comida xaponesa. O protagonista pasa o libro comendo nun posto de rúa, nun restaurante de shushi xiratorio, nun aeroporto e na azotea duns grandes almacéns para rematar, como é lóxico tras semellante enchenta de dúascentas páxinas, comiscando un rodaballo cocido con salsa de solla.

Os editores españois acompañan os debuxos de Taniguchi e Kusumi cunha serie de apuntamentos aclaratorios a pé de páxina que informan de cuestións determinantes como que unha comida ‘washoku’, a que se entende como propia de Xapón -exenta, logo, da poderosa influencia chinesa e coreana-, consiste nunha cunca de arroz cocido branco. Sería un ‘shushoku’ ou alimento básico equiparable ao pan. Por iso, un xaponés considera aberrante acompañar con pan unha paella; aquí non, por moito que o refraneiro advirta de que pan con pan é comida de parvos.

Comentarios