Paco Martín na preamar

DESDE HAI CATRO anos, quen isto escrebe comparte espazo, neste xornal, por quenda, con Paco Martín, entre outros colegas e amigos, se me permiten o trato. Pero agora, a Asociación de Escritores en Lingua Galega vaille render homenaxe ao escritor lugués, entregándolle o E de escritor galego, nun acto que é xa unha tradición -chega á sua XVII edición-, e que nos aleda e nos incita a dedicarlle unhas liñas, que estamos certos de que non van ser as únicas.

A nova inicial que tiven do escritor de Lugo, foi por medio da Feira do Libro de Ribadeo, naqueles activos anos setenta, xa que nos labores preparatorios un íase afacendo aos libros accesibles, dun catálogo bastante máis escaso que o de hoxe, até o ponto de lembrar os títulos e mesmo as portadas dun ano para o seguinte. Lembro pois a edición do Círculo das Artes e os debuxos de Balboa do volume de relatos ‘Muxicas no espello’. Pero a primeira vez que vin e falei con Paco Martín foi algo máis tarde, na casa de Ramón Piñeiro, pouco tempo despois de que a Editorial Galaxia publicara ‘No cadeixo’, novela finalista do premio convocado para comemorar os vinte e cinco anos da fundación da editorial. Habia alí, no terceiro andar da rua Xelmirez número 15, máis xente, que agora mesmo non saberia decir, porque nese tempo xa non era a primeira vez que visitaba aquela especie de ágora restrinxida e o seu icono, a sonada mesa camilla, que se conserva e expón na Fundación Penzol, de Vigo. Pouco falamos, máis polo meu retraimento que pola sua habelencia comunicativa e cordialidade, pero o que si callou naqueles xuvenis anos foi que acabábamos de incorporar ao acervo particular unha excelente persoa. A presentación do seu premiado libro na mencionada Feira en 1976, foi unha ocasión única para asentar unha amizade, periodicamente renovada nas nosas ocasionais visitas a Lugo.

A escritora británica Agatha Christie publicou en 1948 unha das suas máis sonadas novelas policiacas, que agora lembramos non polo contido, senón polo título: ‘Preamares da vida’. A imaxe da preamar é anfibolóxica, xa que tal marea convirte unha paisaxe na mellor perspectiva ou na contraria. A Ria de Ribadeo en marea alta ofrece o seu retrato máis atrainte e engaiolante, pero a praia das Catedrais esixe a marea baixa para criar o pasmo. O mesmo sucede coa verba cadeixo que dá titulo á novela de Paco Martín. Pero do ponto de vista biográfico e creativo, este é o momento da preamar, do abalo, da madureza como escritor consagrado por premios como o Nacional de Literatura Infantil co seu sonado ‘Das cousas de Ramón Lamote’.

E por iso compre agardar unha nova entrega da sua autoría. A homenaxe que se lle vai render en poucos días é un xeito de aturuxo cordial para coller azos. E a el sumamos o noso.

da capo

Comentarios