"Como dicía Manuel María, son as exequias"

O escritor lucense recibiu o recoñemento como socio de honra de Gálix na súa cidade natal coa retranca que o caracteriza
Paco Martín ergue a escultura de Gálix ante os parabéns de Docampo, Méndez e Perozo
photo_camera Paco Martín ergue a escultura de Gálix ante os parabéns de Docampo, Méndez e Perozo

O escritor lucense Paco Martín chegou pisando a hora do acto no que a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) ía recoñecelo onte como socio de honra. No instituto Ánxel Fole de Lugo xa o agardaban a alcaldesa, Lara Méndez; as directivas do centro e da entidade convocante, e estudantes.

O novelista apareceu pola reixa da entrada co seu andar escéptico e as mans nos petos dunha zamarra escura. Detívose á entrada e observou con sorna a riada de rapaces que corría polo patio, peiteou a perilla branca coa man, antes de sorrir e comentar: "Como dicía Manuel María, isto son as exequias, as cousas da idade".

O tamén escritor Xabier Docampo ocupouse de presentar a emenda ao seu comentario no acto nunha intervención motivada e acoutada pola advertencia de que "todo o que diga sobre Paco Martín será pouco".

Xabier Docampo, escritor: "Se enumeras as obras da literatura galega, Das cousas de Ramón Lamote ten que estar entre as dez primeiras" 



Xa comezara advertindo que "falar dun amigo da alma é difícil", aínda que resaltou que "cando aínda eramos coñecidos, eu xa o admiraba literariamente". De entre a súa obra, salientou que "se fas unha listaxe dos milleiros de obras da literatura galega, Das cousas de Ramón Lamote ten que estar entre as dez primeiras".


"Como somos amigos non mo van crer", recoñecía Docampo, pero non por esa prevención deixou de avaliar a homenaxe como "moi merecida" porque "foron moitas horas de traballo ao servizo da nación; alí onde o chamaban, alí ía. Nunca dicía que non".

Os seus argumentos foron confirmados polo presidente de Gálix, Xosé Antonio Perozo, quen afirmou que "é unha figura indiscutible" na literatura para mozos e nenos tal e como acordou o xurado do galardón, que, como cada ano, escolleu entre unha terna de propostas.

Perozo enumerou, entre os socios de honra de anos anteriores a Xavier Senín, Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey e Helena Villar Janeiro.

A seguir, o presidente do colectivo que agrupa escritores que se dirixen a menores en galego remitiuse tamén a Das cousas de Ramón Lamote para indicar que "foi o primeiro libro de gran difusión en Galicia e fóra de Galicia, foi a espoleta" que provocou "a explosión da literatura infantil e xuvenil galega máis alá das nosas fronteiras". Esa obra resultou "fundamental para ese salto que deu a literatura galega para deixar de ser invisible".

Xosé A. Perozo, presidente de Gálix: "Nomeamos a Paco Martín como socio de honra por ser unha figura indiscutible da literatura infantil e xuvenil galega"


Outra autora, Fina Casalderrey, uniuse á homenaxe dende a lonxanía física e coa cercanía do correo electrónico porque quería deixar patente que "o seu non foi contribuír á dignificación da literatura galega, foi abrirlle un camiño novo".

Paco Martín xustificou que o evento se desenvolvese no instituto Ánxel Fole, o centro no que impartiu ensinanzas nos últimos anos da súa carreira profesional.

Xabier Docampo acolleuse ao ton irónico do propio escritor e sinalou como mérito a maiores de Paco Martín "o de ter nacido en Recatelo, que é o barrio de Lugo por onde se baixa ao río, e, como dixo alguén, unha cidade sen río é unha tristeza".

A uns centos de metros de onde se celebrou a homenaxe, está o esquelete sobre o que armará a biblioteca coa que a cidade natal de Paco Martín renderá as súas honras ao autor que gañou un horizonte para a creación literaria do seu país.

Comentarios