Pacios, retratos de un mundo rural


O fotógrafo Antonio López Losada volta ás súas orixes en Pacios (O Incio) nun exercicio de «memoria persoal» para retratar cunha cámara antiga a paisaxe humana da parroquia. A súa experiencia queda recollida no documental ‘Pacios. As fotos da memoria’, producido por Tintimán e escrito e dirixido por Manuel Darriba.


Para antonio López Losada a fotografía é unha canle para facer aflorar «sentimentos e historias» que leva dentro. Con esta motivación, percorre durante estes días a súa parroquia natal de Pacios, no concello do Incio, cunha cámara de placas antiga para afondar nas súas raíces a través dos retratos de todos e cada un dos seus veciños.

A súa experiencia vital e o proceso de creación artística son obxecto do documental ‘Pacios. As fotos da memoria’, que a empresa compostelá Tintimán grava dende o venres e ata mañá, con guión e dirección do escritor e xornalista sarriao Manuel Darriba.

Con este proxecto, o fotógrafo e hostaleiro Antonio López -máis coñecido como Toño do Xarope- volta ó núcleo de Pacios, onde a casa familiar está hoxe pechada tras o falecemento de seu pai hai sete anos e o traslado da súa nai a Sarria. E faino para inmortalizar coa súa cámara a vintena de persoas que residen hoxe no lugar.

«A foto é unha maneira de recordar. A través dela tento mostrar a relación dos veciños, o paso do tempo, as enrugas do traballo..., e enxalzar a dignidade dos poboadores de Pacios», explica o autor, formado en Fotografía en Lugo e en Belas Artes en Pontevedra.

A iniciativa ten tamén un compoñente de «recoñecemento e reconciliación co pobo», engade, ademais de ser un tributo a seu pai como nexo de unión entre o fotógrafo e a parroquia.

Aínda que non era o seu obxectivo primordial, os retratos de Antonio López dan fe do despoboamento do mundo rural. «É algo que está implícito», recoñece. E os veciños de Pacios ratifícano. Na casa de Castro, onde se realizou onte unha das sesións fotográficas, ostentan o récord de ser oito de familia, entre os que se contan dous dos tres únicos nenos da parroquia. «Houbo un tempo no que subiamos de cen persoas, pero agora non hai xente. Uns morreron e outros marcharon. Vas por aí abaixo e só saen cadelos», din.

Cámara

Tamén por iso, o fotógrafo elixiu para este traballo unha cámara de placas, das que hoxe «practicamente non se utilizan». «Hai 20 anos usábanse para captar imaxes de maior calidade. Esta compreina expresamente para este proxecto, por esa calidade que dá e por coherencia, porque é algo que tamén está desaparecendo», asegura Antonio López.

A utilización deste antigo aparello obliga a «traballar despazo» e ofrécelle ó artista a posibilidade de «falar cos veciños» e compartir os momentos do seu día a día.

Así, entre foto e foto, departe cos seus paisanos e mergúllase no seu pasado, quedando todo recollido no documental.

Segundo apunta Manuel Darriba, «non é o caso dun fotógrafo que vai retratar o declive do rural, senón que Toño sae ó encontro da súa propia memoria persoal e faino a través da arte».

A cinta ‘Pacios. As fotos da memoria’ plasma esa experiencia vital do fotógrafo. Dende un discreto segundo plano, procurando non alterar o ritmo de vida dos veciños, senón como testigo do devir cotián, o documental segue o proceso de creación artística e recolle a traxectoria de Antonio López na parroquia durante o tempo que desenvolve o seu traballo.

Protagonista

«Toño é o protagonista, os seus proxectos e as súas motivacións», indica Darriba. O documental reflicte o seu achegamento ós lugareños para retratalos alí onde se atopen, as conversas mantidas e os paseos. «Hai dificultades técnicas, escenas cómicas, momentos íntimos cos veciños...», de todo.

Por iso, a cinta fuxe deliberadamente das entrevistas a cámara e bebe de películas como ‘El sol del membrillo’ ou ‘El cielo gira», sinala o guionista e director.

Tras escribir e dirixir os documentais ‘Tolos por Xapón’ -nominado ós premios Mestre Mateo no ano 2008- e ‘Prodixiosos’, ambos emitidos na TVG, o sarriao Manuel Darriba ponse á fronte desta nova película, producida pola empresa compostelá Tintimán, coa xornalista, actriz e programadora cultural Comba Campoy como produtora executiva.

O documental conta cunha axuda da área de cultura da Deputación Provincial de Lugo e ten á recoñecida operadora Cora Peña como directora de fotografía e montadora. O equipo complétase co responsable da toma de sonidos, labor exercida por un profesional con experiencia en series de televisión como ‘Matalobos’ ou ‘Padre Casares’, entre outras.

Novos aires

A gravación rematará mañá en Pacios, onde os veciños participaron con agrado neste proxecto que leva novos aires á parroquia. «Antes isto estaba descampado e agora polo menos ves movemento de xente», comenta a familia da casa de Castro.

Dende a bisavoa ata os nenos, todos se someteron con naturalidade ó obxectivo das cámaras do fotógrafo e da produtora. Para evitarlles traslados ós veciños, o equipo desprazouse a cada casa, onde Antonio López retratou ós seus habitantes mentres se gravaba todo o proceso para o documental.

A cinta terá unha duración aproximada dunha hora e estará lista en xuño. A última fase será o revelado das imaxes, que se fará en Pontevedra. «Imos facer o revelado porque é a conclusión lóxica da película», o momento no que os escasos veciños que agora residen en Pacios quedan retratados para a posteridade.

Comentarios