Pabillón psiquiátrico

Coa tensión das eleccións galegas case esquecera que o pasado mes de febreiro se fixeran 35 anos do pasamento de Cortázar. Curioseando na súa obra descubro unha que me chama especialmente a atención: 'Estrictamente no profesional. Humanario', do ano 76.

Trátase dun libro que semella imposible de conseguir, que comezou sendo un encargo do entón Director Nacional de Saúde Mental arxentino, Fernando Pajés Larraya, ás fotógrafas Sara Facio e Alicia D´Amico co obxectivo de retratar o abandono dos hospitais psiquiátricos nacionais.

A idea era que os textos do libro corresen a cargo de Samuel Beckett e para iso as dúas mulleres puxéronse en contacto con Cortázar para chegar a Beckett. Coincidiu, así son as cousas, que o irlandés acababa de ingresar nun psiquiátrico e o proxecto semellaba non ir adiante. Cortázar decidiu facer el, de forma gratuíta, o que Beckett xa non faría.

Descoñezo o que Cortázar escribiu e adícome a adiviñar as inquietantes palabras que chegaron a brotar da súa imaxinación vendo as fotografías de Sara e Alicia. Despois, penso en que actitude tomar ante o resultado das eleccións que case me fan esquecer a Cortázar e vexo como algúns están decididos a copiar o exemplo da parella incestuosa e endogámica de 'Casa tomada': abandoar a casa propia ante o medo e a propia presión.

Outros, pola contra, seguen a facer o paripé que Beckett plasmou en 'Agardando a Godot', Vladimir e Estragín encantados de verse e veña a agardar a aquel que os ha de salvar, se é que chega, claro. Ningunha das dúas me convence.

A outra opción sería o Movemento pola Decencia Política do que X.M. Eyré fala no seu blogue, literariamente algo semellante ao que Agustín Fernández Paz relata no último conto (o meu favorito) de 'O único que queda é o amor' e que comeza así: 'Ao primeiro nin sequera estaba seguro de que se tratase dunha boa idea'. Eu tampouco, máis ca nada porque tamén semella cousa de tolos.

Comentarios