viernes. 19.07.2019 |
El tiempo
viernes. 19.07.2019
El tiempo

Ovación para os mestres da tradición na Fonsagrada

Os músicos homenaxeados na Fonsagrada co Butelo de Ouro
Os músicos homenaxeados na Fonsagrada co Butelo de Ouro
Oito músicos recibiron o Butelo de Ouro, distinción que lles outorgou o Concello en recoñecemento a unha vida dedicada a coidar, preservar e transmitir a música e os instrumentos propios da montaña luguesa

César Fernández Fernández, Otilio Fernández García, Antonio Fernández Enríquez, Manuel Fernández Díaz, Modesto Arias López, Constantino Fernández Castelao, Antonio Arias Álvarez e Emilio Pérez Álvarez. Son músicos da Fonsagrada, mestres da tradición. Levan toda a vida percorrendo palcos e corredoiras e xa é difícil sorprendelos con aplausos, pero este domingo recibiron unha ovación que os encheu de orgullo, a dos seus veciños, que quixeron agradecerlles o esforzo que levan feito para coidar, conservar e transmitir a música tradicional da montaña luguesa. 

Estes oito homes recibiron o Butelo de Ouro, distinción que outorga o Concello da Fonsagrada a quen destaca polo seu labor en beneficio do municipio. Méritos non lles faltan. O condutor do acto, José María Álvarez Vilabrille, resumiuno con claridade: "A historia dun pobo non se entende sen a súa música" e estes oito intérpretes, xunto con outros que xa non están, ocupáronse de "manter o legado" e de transmitilo nas mellores condicións ás novas xeracións, para que a sonoridade propia da montaña teña o eco que precisa. 

E este domingo A Fonsagrada foi unha caixa de resonancia. Os mestres non tocaron, deixáronse agasallar e escoitaron con respecto as novas xeracións de músicos, que quixeron deleitalos e agradecer o aprendido. Emilio do Pando falou en nome dos oito para agradecer o Butelo de Ouro e para garantir que mentres teñan folgos a gaita soará na Fonsagrada. "Levamos a tradición desde o berce e segue cada vez máis forte e sonora", sentenciou. 

A feira do butelo rexistrou un novo éxito de público, con vendas importantes e cheo nos comedores dos restaurantes da vila

O alcalde, Argelio Fernández Queipo, explicou que a distinción para estes músicos foi acordada por unanimidade de toda a corporación, a proposta da concelleira Josefa Ortiz de Galisteo, e valorou a "unanimidade de pensamento" á hora de premiar o traballo que os músicos tradicionais levan feito. 

Lamentou que xa non estean outros que tamén merecían a distinción, como Xusto de Rego, Horacio de Xestoso, Rubio de Xan, Ramón Chocolateiro, Casopo e Marentes de Santa Xuliana ou Sergio da Veiga. Deste último, o alcalde da Fonsagrada garda un recordo especial, pois confesou que lle axudou "a bailar e a cortexar". Lembrou cando Sergio da Veiga coa súa gaita e Ovidio de Pereira ao tambor amenizaban as festas e sempre buscaban o momento para compracer os namorados coa súa peculiar dedicatoria do tema En las cositas del querer nadie se debe meter

Este domingo foi tempo de escoitar as novas xeracións. O quinteto Illa Pancha, con tres gaiteiros da Fonsagrada ao frente, e o grupo Antaruxas e Sorteiros deixaron claro que a herdanza dos mestres está en boas mans. 

E mentres os fonsagradinos honraban os gardiáns da tradición, ás portas do concello continuaba a feira do butelo. Os postos estiveron ateigados durante toda a fin de semana e os mostradores das cárnicas tiveron especial aceptación, cun notable nivel de vendas. O resto de produtos de alimentación e artesanía tampouco desmereceron e a cita pechou con satisfacción xeral entre os vendedores. Tamén os restauradores tiveron que pendurar o cartel de completo nos comedores.

Ovación para os mestres da tradición na Fonsagrada
Comentarios