sábado. 23.10.2021 |
El tiempo
sábado. 23.10.2021
El tiempo

Outras procesións

EN MÁLAGA, POLA SEMANA SANTA de hai xa moitos anos un servidor contemplaba o paso dunha das longas procesións polas que a cidade gozaba dunha recoñecida sona, mesmo sen contar coa participación de Antonio Banderas que daquela debía ser aínda moi cativo. Comezaba xa a ser noite e as beirarrúas estaban ocupadas por unha morea de persoas de todas as idades o que me forzaba a seguir o desfile desde unha distancia considerable coas conseguintes dificultades para unha visión directa, incomodidade que era preciso remediar a base de imaxinación e algún brinco que outro. Non sei se foi por causa daquela miña actitude pouco ortodoxa ou porque o lugar no que me encontraba era o menos incómodo de alcanzar, pero a cousa foi que unha parella de ingleses, ela de orixe xibraltareña o que facilitaba en moita medida as posibilidades de comunicación, achegáronse a min para me preguntar cuestións relacionadas cos eventos  propios das celebracións ás que estabamos asistindo. De pouco valeu que lles fixese saber a miña condición de forasteiro e que lles confesase a miña case total ignorancia ao respecto, o rapaz insistía unha e outra vez en que lles explicase o que era preciso para poder participar directamente nalgunha das procesións e a rapaza esforzábase por levar a bo fin no seu papel de intérprete.

O que en realidade quería o home aquel era poder vestir hábito de nazareno e, sobre todo, poñer unha daquelas aguzadas caparuchas que, ao parecer, era o que máis lle chamaba a atención. Tamén estaba moi interesado en saber se era obrigado asistir a todo o desfile ou se era posible deixar a procesión cando a un  lle petase. Demasiado tempo na fila aquela e demasiada lentitude no desprazamento, explicábame a rapaza. Informeinos todo canto puiden e da mellor maneira que souben pero quedei coa incómoda sensación de que non marcharan nada convencidos. Quedei só e, mentres escoitaba o redobre dos tambores, dei en pensar na posibilidade de argallar unha especie de confraría laica para ‘guiris’ na que, previo pagamento da cantidade establecida pola organización, fose posible alugar o traxe e máis a caparucha da suposta irmandade e marchar vestido con ela e en boa e ordenada compaña por lugares algo afastados pero nos que non fallasen establecementos nos que houbese comida e bebida abonda. Mesmo podería ser negocio, pensei, e dábame a risa imaxinando semellante argallada.

E hoxe, cando leo que na Costa Brava organizan viaxes masivas —de catro mil en catro mil soamente para Salou— de rapazas e rapaces británicos, estudiantes universitarios, para que dediquen tres ou catro días das vacacións a encherse de alcohol e de sexo indiscriminado antes de seren relevados por outra morea de colegas que volveran encher de barbarie os hoteis, de cartos as arcas dos ‘touroperadores’, de rebumbio as noites da vila e de merda todas as rúas, lembro aquela miña vella idea e, se hei contar verdade, malia a súa relativa inocencia, agora xa non me dá a risa.

Outras procesións
Comentarios