As outras Letras Galegas

O día das nosas letras este ano vai adicado a Álvarez Blázquez, anque a o meu ver, e sen desmerecer para nada ao homenaxeado, deberían serlle adicadas a…Non, non vou dicir Lois Pereiro, porén agardamos moitos que en breve lle sexa recoñecido o mérito a este poeta dos nosos tempos, sorprendéndonos a Real Academia Galega algún ano destes ao relacionar o seu nome cun 17 de maio. Estariamos así moi agradecidos á RAG se fai caso a esa gran frase que di que o pobo é quen máis ordena.

Ao que ía, este 17 de maio que nos ocupa. Penso que mesmo os que neste 2008 preparan actos, homenaxes, recitais, manifestos etc sobre a figura e obra de Xosé María Álvarez Blázquez estarán de acordo co que vou dicir, ou cando menos os feitos permiten que me aventure na suposición.

Segura estou de que asentirán ao unísono todos aqueles que están orgullosos do galego como lingua, defendan a norma que defendan, sexan da orientación política que sexan, sen importar o lugar no que vivan, estou moi segura de que este ano as letras galegas tiñan que ser adicadas a esas outras letras galegas que están enchendo de vida o idioma, a esas outras letras galegas que saen a golpe de pop ou de sintetizadores, a esas outras letras galegas que unha noite tras outra bailan nas linguas de moitos mozos e que van saltando do mp3 á boca, da rede aos locais de concertos, da radio do coche ata ao pub de moda (entendendo moda como innovación e estilo non como globalización musical apampada)

Si, falo de todas esas letras de cancións que todos tarareamos de cando en vez: dende a merda de dj de Fanny+Alexander, do non poido máis anque queira dos The Homens, de Dj Sonic con a festa non vai parar ata o onde está o meu chuliboy? de Projecto Mourente. Falo das letras que O Leo, Ataque Escampe etc compoñen con mimo, con risos, coas características isoglósicas propias, con orgullo. Porque a letra escrita sempre queda, pero a oralidade é o que fai que esa letra impresa tome forma e existencia diante de todos.

E este ano son esas outras letras galegas as que eu, dende aquí, quero homenaxear e xa que os poemas de Álvarez Blázquez acaban de ser musicados da man do Concello de Porriño e da Consellaría de Cultura, dobre homenaxe pois para este home. Disfruten das letras galegas.

Comentarios