Outra política

Onte sufrín un terríbel pesadelo ao soñar que as cellas de Zapatero se transformaban nas bastas patillas de Carlos Menem, e que logo viña pedindo paso Rajoy, como fixo Fernando de la Rúa, e que o Estado español se ía achegando á situación da Arxentina do ano 2001. A escalada angustiante de etapas cada vez máis graves no espantoso soño fíxome despertar antes de que puidese ver como quedaba o actual proceso de deconstrución do Estado de Benestar e as consecuencias sociais derivadas. Menos mal que non se producen a miúdo experiencias oníricas tan fortes e desacougantes. Pois xa temos dabondo que vemos durante o día. Mais os soños -tamén os malos- convértense ás veces en realidade, senón de forma plena, si parcial. Pois o inconsciente traballa coa certa lóxica que lle imprimen as achegas da vida.

Que se saiba nunca o programa neoliberal establecido para Latinoamérica nos noventa polo Consenso de Washington e impulsado agora para Europa polos poderes oligárquicos do FMI, da OMC, do Banco Mundial, do Banco Central Europeo, da Trilateral e do Grupo Bilderberg, nos que participan sen pudor algúns autodenominados como socialdemócratas, foi positivo para ningún país, senón só para facer máis ricos os amos do mundo, a ese grupo reducido de mesquiños que controlan o sistema financeiro e posúen as multinacionais. Ao contrario, levounos a reducir os efectivos das súas clases medias respectivas, a que as desigualdades aumentasen e a que a miseria se estendese a millóns de persoas.

Eses agresivos axustes macroeconómicos neoliberais e as catástrofes sociais que provocaron farían que anos despois a poboación reaccionase e que se orixinasen os actuais cambios políticos antisistema en Venezuela, Arxentina, O Brasil, Nicaragua, etc. Por certo, todos estes países que experimentaron en propia carne as receitas neoliberais do FMI e se afastaron delas, vanse recuperando e melloraron de maneira obxectiva o seu benestar social e economía. Latinoamérica estase a converter nun referente mundial da nova política que se pode realizar en beneficio das maiorías.

Porén, a Europa do benestar, ensaia o neoliberalismo, coa colaboración da socialdemocracia, que traizoa os seus principios e aos seus votantes, como ocorreu con Menem e principiou aquí con Felipe González. Agora, por exemplo, Zapatero, que chegou ao poder cun programa moi distinto ao das medidas económicas e sociais que aplica, defrauda aos seus votantes, e malia incumprir co seu programa electoral, non renuncia ao seu posto. É moi grave e amosa o grao de estrago que non haxa no seu propio partido ningunha corrente organizada que cuestione o seu proceder e tente modificalo. Cunha socialdemocracia así, Europa, que era o continente ideal para vivir, comeza a selo tamén, como os demais, para o malvivir.

Costará moito esforzo depurar e clarificar a linguaxe e os conceptos do pensamento único, moi asentados na mente dos cidadáns pola propaganda esmagante á que foron sometidos. Facerlles ver a alienación xeral e que é unha falsa crenza a da fin da historia, desvelando que existe outro tipo de política viábel, democrática e social, diferente á totalitaria neoliberal, que só pensa no beneficio do sector financeiro e das multinacionais, a costa do sacrificio e da miseria do resto da humanidade.

Comentarios