FEBRE de ouro en Coristanco, onde unha empresa de Canadá promete o maná de 300 contratos a parados sen formación. O ouro é caro e cotiza á alza, o traballo é barato e cotiza á baixa. Na cola de selección, unha rapaza dun taller que cose para Zara, empresa punteira fundada por un leonés, terceira fortuna na lista Forbes. Moi ben pagada non debe estar cando fai cola para picar nunha mina onde non é ouro todo o que reloce: aparece asociado a rochas con arsénico. Para extraer o cotizado metal recórrese ao lavado con cianuro. Máis veleno.
Para unha zona deprimida calquera oferta laboral é cravo onde agarrarse. E ademais, conta a rapaza, o dono do taller de costura pagáballe 200 euros mensuais por xornadas de nove horas diarias, mesmo os sábados. Na España da Constitución? Na nosa Galicia? Na Europa dos dereitos humanos? Porque iso semella máis explotación escravista que traballo de persoas. Claro que o inferno ten varios andares: en Bangladesh traballan por menos.
En Navarra non hai minas pero si infinita febre de ouro: Caixa Navarra pagaba dietas de 3.000 euros por reunións de vinte minutos. O curioso é que este saqueo legal só provoque indignación cidadá o non un estoupido que aplane os Pirineos. Porque as dietas que cobraban dirixentes da UPN están máis cerca do roubo que da legalidade.
Naturalmente o expresidente Sanz e a presidenta Barcina nin dimiten nin devolven os cartos. E iso que vén de descubrirse que estes individuos de ética desnortada, e o resto do consello da caixa, organizaban varias reunións de media hora o mesmo día para cobrar máis dietas. O tal Miguel Sanz chegou a apañar 5.300 euros nun só día. E a tal Yolanda Barcina, 3.400. Contan que levan cobrados entre cen e douscentos mil euros nun ano só neste concepto por reunións de media hora na mina de our… na caixa de Navarra. Que estes irresponsables políticos, enfermos de cobiza, aínda consideren ‘normal’ o cobro destas dietas millonarias indica a estatura humana e a súa catadura moral. Tamén saca á luz o aberrante entramado dun país inzado de organismos innecesarios, inoperantes, incapaces de poñer couto á depredación.
Botando contas, a nosa costureira de Coristanco tería que traballar vinteséis meses ou dous anos e dous meses con xornadas de nove horas diarias, para percibir o mesmo que o expresidente navarro en dúas sesións de media hora unha mañanciña calquera do mes de marzo.
O ouro reflicte as cores da cobiza humana. Mentres en Madrid discutían se Navarra se escribe con b, vendendo cortinas de fume para parvos, aquí e acolá aprobaban estatutos para disfrazar de legalidade un roubo que non soporta o contacto coa ética e ata esquece o mandamento que predica o cinismo: Non roubarás! En Coristanco. En Navarra.