O escritor Juan Tallón suspende a súa vida durante o verán. Abandona as colaboracións, o país, Twitter e a literatura para dedicarse a non facer absolutamente nada
Onde vai pasar o verán?
En Peñíscola, provincia de Castellón. Preferiría dicirlle que estou en Palo Alto, California; que soa mellor.
Fágome cargo. A que se dedica?
A non facer absolutamente nada.
E as súas colaboracións en El Progreso, a SER e Jot Down?
Falei con eses tres medios e dixen: «Preferiría non facelo», coma Bartebly. Eles contestaron: «Tallón, suspendemos logo as colaboracións durante o verán». Empezaba a repetirme. Este ano escribín demasiado: as colaboracións e dous libros, ‘Manual de fútbol’ e ‘Libros peligrosos’, que son os cen libros que máis me gustaron, pero que non teñen por que ser bos.