'Ou comemos ou tomo as pastillas'

O HOME vén de sufrir o segundo infarto. «Ou comemos ou tomo as pastillas». Porque se trata dun home casado, cun fillo pequeno e, esgotado o paro, todos os cartos que entran na casa son os 400 euros mensuais de axuda extraordinaria a desempregados.

E o cardiólogo Maximiliano Diego, que ademais de experto nese motor de músculos que bombea vida polas cañerías de carne e soños que é cada ser humano, ve que as bágoas asoman nos ollos do home. Polo medo a morrer, claro. Pola vergonza de ter que recoñecer que non ten cartos para as receitas. Non é un caso illado, sinala o médico, senón cada vez máis repetido.

«Ou comemos ou tomo as pastillas» é unha traducción bastante aproximada do vello ‘primum vivere, deinde filosofare’. E mentres a xente xentiña, é dicir, a xente de ben, dedica os maiores e mellores esforzos a iso tan pedestre e sagrado que é vivir, o goberno dedícase a filosofar, actividade moi ben pagada co soldo oficial e con sobresoldos que veñen de lonxe aínda máis fastosos, inmorais e de escura procedencia. Sen dúbida chegarían para as necesarias medicinas dos infartados.

«Ou comemos ou tomo as pastillas» que costan máis de 100 euros cada mes. E o parado infartado elixe o pan noso de cada día para o fillo pequeno, para a muller, para el mesmo. Cando un ten perdido tanto, polo menos quédalle, como ao xornaleiro que tirou ao chan os dous pesos, daquela unha fortuna, cos que lle querían comprar o voto na época da República, a liberdade de escoller: «Na miña fame mando eu». Aínda que o corazón deste parado quede sen antiagregantes plaquetarios.

Agora xa sabemos que os brotes verdes da propaganda oficial e o efecto placebo da macroeconomía alimentan pouco, pero os recortes na sanidade pública matan moito.

O home, que vén sufrir un segundo e aínda máis grave infarto, di que «Ou comemos ou tomo as pastillas», velaquí a disxuntiva da crueldade. Na comida e nas medicinas dos parados hai os mesmos ingredientes ou principios activos: vergonza, rabia e impotencia. A rabia e a impotencia esvaran coas bágoas do home e acaban mollando as meixelas do médico. A vergonza é o principio activo deste sistema económico que se comporta como picadora de carne humana.

Agora, ás portas doutras eleccións, neste caso europeas a cidadanía tamén que elixir, desta volta nun clima de decepción e desesperanza: se nos gobernan os nosos representantes democráticos ou, como ata agora, os mercadores e os donos dos cartos. Nas mans de todas e de todos está elexir poder comer cada día ou que a falta de medicinas imprescindibles siga matando a uns e avergoñando a todos. Ou que o prezo das medicinas saque a comida da boca dos nenos e as pastillas da boca dos infartados.

Comentarios