martes. 17.05.2022 |
El tiempo
martes. 17.05.2022
El tiempo

Otorrinolaringólogo

ANDEI de médico estes días atrás. De otorrinolaringólogo para ser máis preciso e, afortunadamente e grazas ao bo saber do doutor, todo foi ben e o meu nariz volve cumprir coa misión que lle corresponde sen outras dificultades que as derivadas do lóxico deterioro causado polo paso do tempo. Comprendo que moitas das persoas que teñan a amable paciencia de ler isto anden agora a preguntarse as razóns polas que me poño a contarlles algo que é persoal e sen ningún interese para elas. Pois ben, o menos que podo facer é contar a verdade, e iso farei: Levaba moitísimo tempo rabeando por poder utilizar -xustificadamente e co xeito preciso- o substantivo otorrinolaringólogo e agora que se me presenta a oportunidade non son quen a resistir a tentación.

Diráseme, e con toda a razón do mundo, que é unha palabra moi longa, tanto que ao se universalizar a sanidade pública e pasar a ser termo de uso común, houbo que ila recortando por atrás até deixala nun simple e máis familiar «otorrino» que, malia as patentes carencias, parece ser que abonda para nos entender, mesmo cos profesionais da especialidade, e que aforra esforzos e, sobre todo, evita encerellamentos linguais e burlas maliciosas o que é, sen dúbida, boa cousa. Pero é que a min gústanme as palabras en por elas, polo que invitan a fantasiar mesmo fóra da súa acepción real... Non podo esquecer até onde era quen de chegar a miña imaxinación cando, en calquera daqueles relatos de navegantes e piratas dos que tan parcial era na miña primeira mocidade, batían os meus ollos co adxectivo «proceloso» co que se cualificaba o mar no que estaban a piques de naufragar os protagonistas e a decepción que recibira cando fora procurar o seu significado nun dicionario que se limitara a responder: «tormentoso», así, sen máis, como se a aquelas xentes que estaban a pasar o Cabo de Hornos co velame esnaquizado e o temón sen goberno lles abondase cunha invocación a santa Bárbara do estilo das que miña nai utilizaba aquelas tardes de verao cando escoitaba chegar os primeiros tronos pola parte do Picato...

Resistinme durante moito tempo -e a verdade é que aínda me resisto bastante- a me conformar con aquela acepción, tan en exceso prosaica e coutadora, e, sen negala como é lóxico, permítome enriquecela levándoa unha miga máis lonxe da páxina na que aparece no dicionario. Cando a leo, cando a escribo e tamén cando a pronuncio. E noto que me prestan estes xogos coa palabra que é, ao meu parecer, a máis cumprida consecución do ser humano e que nos permite darlle feitura ao que pensamos...

E o meu nariz, ben. Grazas.

Otorrinolaringólogo
Comentarios