Otero Canto e María Xosé Lamas gañan o Certame Literario de Vilalba

O ditame do xurado deuse a coñecer na presentación dos libros premiados en 2015
Modesto Fraga (en primeiro plano) e Paulino Pereiro asinan exemplares das súas obras
photo_camera Modesto Fraga (en primeiro plano) e Paulino Pereiro asinan exemplares das súas obras

O XLII Certame Literario de Vilalba xa ten gañadores. Xosé Otero Canto, da Ponte de Outeiro de Castro de Rei, e a vilalbesa María Xosé Lamas foron designados respectivamente como primeiro e segundo premio do concurso poético máis antigo de Galicia, iniciado no ano 1975 e que cada ano ten "unha colleita máis vizosa".

O poemario ‘Telúrica’ fixo merecedor a Otero Canto desta importante distinción, recoñecida con 3.000 euros, flor natural e diploma. Pola súa banda, o segundo posto de Lamas débese ao seus ‘Sonetos preposicionais’, presentados co lema ‘Un anaco de vida en catorce versos’, polos que recibirá mil euros, flor natural e diploma.

O director da Real Academia Española, Darío Villanueva; a xefa territorial de Cultura, Carmen Gueimunde González; o director do grupo Radio Principal, Fidel Fernán Vello; o edil de cultura, José Antonio Pita, e o xornalista Xulio Xiz integraron o xurado do XLII Certame Literario, cuxos premios se entregarán, como é costume, o día 30 deste mesmo mes no auditorio Carmen Estévez de Vilalba.

O seu ditame deuse a coñecer durante a presentación dos libros premiados na edición de 2015, publicados un ano máis polo Concello de Vilalba e a editorial Alvarellos.

Aínda que se trataba dun acto literario, a música tivo moita presenza, tanto pola ambientación da violonchelista Noa Carballal, que interpretou tres pezas de Bach, como polos propios poemarios presentados, dos que a música compón unha parte esencial.

Así, o gañador do XLI Certame Literario, Modesto Fraga, un dos "adalides do batallón literario de Fisterra", presentou o ‘Adagio por outono’, un libro de sonetos que bebe das composicións musicais e se inspira na versificación poética de Dante, Petrarca, Darío Xohán Cabana ou Rábade Paredes.

Outro tanto fixo o compositor coruñés Paulino Pereiro, autor de ‘Poemas de ruxido e barruzo’, que logo de recoñecer que "música e poesía teñen unha conexión totalmente indisolubre", precisou que a súa obra, que ten a estrutura dunha sonata con dúas partes enfrontadas, é totalmente chairega, xa que 30 dos 33 poemas foron escritos en Lanzós, usando a fala da Terra Chá.

Xunto aos autores estiveron o edil de cultura, José Antonio Pita, e o alcalde, Gerardo Criado, quen se sumou á lembranza de Agustín Fernández Paz feita por Modesto Fraga, destacando a importante tradición cultural, literaria e musical que ten Vilalba.

Comentarios