Óscar Pereiro: 'No Tour a única clave é non perder a carreira por unha parvada'

Óscar Pereiro, trala última etapa do Tour de Francia 2006 (AGN)
photo_camera Óscar Pereiro, trala última etapa do Tour de Francia 2006 (AGN)

Óscar Pereiro partiu onte cara a Londres, cidade de onde sairá o Tour de Francia o vindeiro sábado. Farto xa de rumores e de agardar pola súa proclamación como campión en 2006, o de Mos afronta a carreira “con boas sensacións” e a pesar de que a polémica continua lle impediu “centrarse” como quixera na proba. Antes de viaxar, mostrou o seu desacordo coa carta antidopaxe esixida pola organización para participar. Pensa o que facer, aínda que o único que ten en mente é a estrada.

P: ¿Como afronta este Tour?

R: Igual que outros anos, con ilusión e, sobre todo, con ganas de que comece a carreira, de esquecer xa todas as cuestións externas e poder centrarme na proba.

P: Pero pasou un ano e segue sen resolverse a súa proclamación como vencedor da pasada edición...

R: Xa non lle dou voltas ao asunto porque só me causa enfado e non me deixa centrar nesta proba.

P: ¿Que pensa da decisión do Tour de obrigar a todos os corredores a asinar un compromiso antidopaxe para poder participar?

R: Nin penso niso. Non sei o que vou facer, pero non estou de acordo. O certo é que nin a lin e agora ateño outras cousas nas que centrame.

P: ¿Como chega ao Tour?

R: Moi ben. Logo de tantos días ou meses de incerteza, de non estar centrado todo o que quixese, as sensacións son boas.

P: ¿Cales cre que poden ser as etapas clave da carreira?

R: Non teño ningún día clave. No Tour hai que estar moi atento desde o primeiro ao último día; a clave é intentar non perder a carreira nunha gilipollez. Hai que estar ben na contrarreloxo e na montaña, pero, sobre todo, non perder tempo por unha parvada ou caída.

P: ¿Cales cre que serán os seus máximos opoñentes na loita pola camisola amarela?

R
: Por idade, porque fixo un equipo para gañar e porque non pode perder outra oportunidade, o casaco Vinokurov. Pero tamén están Valverde, Cadel Evans, o ruso Denis Menchov, a quen vin moi ben na Dauphiné, Levi Leipheimer. Os mesmos nomes de sempre.

P: Nomes aos que podería unirse algunha sorpresa.

R
: É complicado, sempre xorde alguén, pero non é fácil chegar a Tour e gañar de primeiras.

P: Entre os favoritos mencionou ao seu compañeiro de equipo Alejandro Valverde. ¿É unha vantaxe ou un inconveniente para vostede compartir equipo cun dos seus posibles rivais?

R: É unha vantaxe ter ao carón a Valverde; para min é xenial, sácome presión e aínda por riba quítome algún ollo sobre min, porque Alejandro é un corredor do que todo o mundo vai estar pendente.

P: ¿Podería supor un problema competir polo triunfo cun compañeiro de equipo?

R: Non, tomamos isto como un traballo, non vai haber problemas.

Comentarios