Pereiro, sen dorsal número 1 pero con web

O dorsal número 1, reservado ao vencedor da pasada edición, non estará presente no Tour de Francia que comeza o vindeiro sábado en Londres, polo que a numeración comezará polo 11, que levará o galego Óscar Pereiro, segundo clasificado no 2006 e á espera de ser o gañador cando se confirme o positivo de Floyd Landis.

“Quixemos marcar os límites, polo menos de xeito simbólico”, manifestou Jean Francois Pescheux, director da carreira francesa, polo que non figurarán os dorsais entre o 1 e o 9 nos corredores que tomen a saída en Londres.

Esta medida, sen precedentes na historia do Tour, suporá que a numeración empece polo 11, que corresponderá a Pereiro, do Caisse d’Epargne, agás que o equipo decida confiar ese dorsal a Alejandro Valverde, un dos líderes do equipo xunto co de Mos.

“Xa o esperaba”
“Era algo que xa agardaba. Non levar o número 1 é algo anecdótico porque o que dá caché é o maillot amarelo”, asegurou Óscar Pereiro á Radio Galega logo da presentación da súa nova web persoal. Ademais, o ciclista mostrou o seu desacordo coa carta que obriga a asinar o Tour contra a dopaxe.

Presentación da web
Na mesma xornada na que a organización anunciaba esa decisión que o deixa un chisco máis lonxe do recoñecemento simbólico como gañador do Tour, Óscar Pereiro presentaba a súa web oficial, oscarpereiro.com.

O ciclista galego supervisou todos os detalles e características da páxina na que promete dar conta das novidades que vaian ocorrendo na ronda francesa. Ademais de novas, a web reúne unha serie de fotogalerías e un apartado biográfico.

Comentarios