Óscar Ladoire: ''Los que nos dedicamos a esto no valemos para otra cosa''

ladoire_interiorjpg.jpg
photo_camera ladoire_interiorjpg.jpg

 Como actor colaborou nunha trintena de películas e traballou con algúns dos mellores directores. Estreouse con Trueba en Ópera prima, coa que chegou a levar o premio ao mellor actor no Festival de Cine de Venecia. E non é o seu único recoñecemento.

P: Nas informacións que circulan óbviase calquera referencia persoal, salvo data e lugar de nacemento. ¿Por que?
R:
¿É iso certo? ¡Que marabilla! Iso é que non o estou facendo tan mal. Nestes tempos de Twitter e Facebook, o máis difícil é manter a privacidade. Agora só falta borrar a data e lugar de nacemento para ser anónimo e comezar de cero todos os días.

P: ¿Na súa familia hai antecedentes artísticos ou o seu é un caso illado?
R: Inclínome a pensar que na miña familia, como na de todos, a xente fai cousas serias e de proveito. O meu con este oficio artístico explicábao perfectamente o mestre Fernando Fernán Gómez: “Os que nos adicamos a isto é porque non valemos para outra cousa”.

P: Aparte de actor, é guionista e produtor. ¿De onde lle sae esa vea artística?
R: Permítame o matiz: un non é, un fai. E neste caso confeso que fixen de guionista, produtor, director e incluso actor. Pero rogo que antes de que me tiren a primeira pedra teñan en conta que a ignorancia é moi atrevida.

P: ¿Que opina do panorama actual do cine español?
R: Resúltame imposible contestar dun xeito sintético esta pregunta. ¿Parécelle ben que a deixemos para outro ano?

“O oficio de vivir é anterior ao de actor”
P:
¿Gustaríalle seguir a estela de Banderas ou Bardem e probar sorte nos Estados Unidos?
R: ¡Caramba! Sempre me gustou a astronomía e seguir as estelas dos cometas, pero desde a fiestraxe da casa vense mellor... As viaxes forman parte da xuventude.

P: ¿Que lle aconsellaría a alguén que queira iniciarse na interpretación?
R: Non son persoa de dar consellos. Pero se insiste, diríalle que o primeiro para interpretar é vivir, e iso apréndese sobre todo na vida. As técnicas máis depuradas quédanse en simples máscaras se detrás non se axexa un anaquiño de autenticidade. O oficio de vivir é anterior ao oficio de actor.

P: ¿Arrepentiuse algunha vez de elixir ser actor?
R: Todos os días... pero só un pouquiño. Pero tamén me aledo todos os días de non valer para
nada máis que para isto.

P: Rodou en Lugo un filme dirixido por José de Cora sobre o hipotético roubo das reliquias do apóstolo Santiago. ¿Rodaría outra sobre o roubo do ‘Códice Calixtino’?
R:
Pero, ¿non sabía vostede que a ficción supera a realidade? Está claro que os ladróns do códice se inspiraron en O ladrón de reliquias. Se eu fose o comisario encargado do caso, interrogaría a José de Cora. Todas as pistas levan a el. Aconsello revisar a película. De Cora sabe máis do que di.

P: ¿De que actores cos que traballou garda mellores recordos?
R:
Gardo bos recordos de todos, pero sobre todo de Fernando Fernán Gómez e Paco Rabal.

Comentarios