Os xestos de CR7

 No Real Madrid alguén con dous dedos de frente debería dicirlle un par de cousas a Cristiano Ronaldo. Non poño en dúbida o seu fútbol, os seus goles, a súa voracidade por gañar partidos…pero todo iso pasa a un segundo plano cando o futbolista, tras un Chipre-Portugal, sinala que “berrarme Messi é cousa dalgúns anormais”. Non é a primeira vez que o crack luso solta pola boca unha parvada de tal calibre. Parvada que, ao saír dos beizos de CR7, deixa de ser unha parvada e se converte no tema de debate deste país futbolístico. Iso tampouco di moito deste país noso.

Desde logo comentarios como ese, sumado ao seu exarcerbado narcisismo ou a peineta que soltou en Santander, –por poñer só 3 exemplos deste ano–, non fan máis que alimentar o persoal que gusta da provocación e vive de remexer na merda. Porén, Cristiano non aprende, entra ao trapo e polo tanto seguirá merecendo máis asubíos e berros. Alguén debería explicarlle a importancia que ten iso de ter tacto, de ter “man esquerda”. Ronaldo ten pouco que gañar  e moito que perder. E no de perder, vai implícita a imaxe do Real Madrid.
 
Unha imaxe cun impacto económico brutal pero que tamén, dun tempo a esta parte, non deixa de gañar antipatías.  Os compañeiros do Diario As sacaban onte unha  enquisa que reflectía esta situación dun xeito brutal. O Madrid é agora mesmo o equipo que xera maiores antipatías entre os afeccionados rivais.  Pode soar lixeiro, pero a modo de titular poderiamos dicir que este país deixou o Madrid e pasou ao Barça.
 
No Madrid deberían reflexionar sobre isto. As saídas de ton de Mourinho e Ronaldo poden facer moita graza, poden ter un gran poder de convocatoria, pero a medio prazo van laminando a imaxe do madridismo ata facer unha fenda difícil de pechar. E aí, nun club tan señorial, exemplo para case todo, dotado de tantas direccións xerais, de innumerables departamentos, fundacións, con profesionais de tan alto nivel, custa entender que non haxa alguén para poñer un pouco de raciocinio, de cordura. 
 
O que antes se chamaba “mester de bos costumes”. A mala fama que se labran algúns non se arranxa con todos os cartos do mundo. É máis, os que caen mal, se son ricos, acaban caendo peor. Gañar títulos é importante, facer goles tamén, pero ser persoa é outra cousa ben diferente. É unha cuestión de tacto, unha cuestión de xestos. E aí, nos xestos, o Madrid a día de hoxe deixa moito que desexar.

Comentarios