''Os ventos de Burela fan mal na cabeza''

1 . Fíxose xestor cultural por...?

X a) Viste máis ca ser periodista. Para a miña desgraza, sigo sendo xornalista.

b) Gústame xestionar cousas abstractas.

c) Poñer a profesión de músico no IRPF non é rendible.

2 . Criarse entre O Portelo e as Casas Baratas de Burela valeleulle para...?

a) Ser rexo de carácter.

X b) Nesa zona sopran ventos que nos converten en seres especiais. Os ventos pican a chapa dos coches, qué non farán coa cabeza da xente.

c) Aceptar que nunca sería futbolista polo ben que xogaban os compañeiros.

3 . O seu alcume de Martin Wu, de onde vén?

a) Dos Wu Min.

b) De que comía moitos flans de El Chino cando cativo.

c) O poder amarelo acabará dominando o mundo.

X d) Houbo unha razón, pero non a lembro.

4 . Cando empezou na música, descubriu?

a) Que estar nun escenario convertíame en irresistible para as rapazas.

X b) Tiña máis valentía da que pensaba para tocar diante de xente facéndoo como o facía. Facendo o mal que o facía.

c) Se non metes unha balada no repertorio non vale.

5 .Que é o peor que lle pasou nun concerto?

a) Esquecer as letras xusto antes de empezar a cantar.

X b) En pleno concerto, lembrei que deixara a vitrocerámica prendida. E púxenme tan nervioso que esquecín a letra.

c) Os meus concertos sempre foron planeados como os de Lady Gaga.

6 . Descubre unha guitarra eléctrica baixo o colchón dun fillo seu. Que fai?

X a) Dicirlle iso de ‘nunca chegarás a nada’. Despois de sacarlle a guitarra de baixo o colchón polo ben do instrumento e das súas costas.

b) Levalo a un otorrino para que o desencante.

c) Comprarlle un amplificador.

7 . Un mito por desmontar?

a) Os músicos temos copas gratis despois dos concertos.

X b) Aretha Franklin escoita a The Homems todas as mañás. Está enferma, pero non tanto.

c) Gústame Elton John.

8 . Que sentenza prefire?

a) «A esa merda de rock and roll non lle dou cinco anos», Frank Sinatra, en 1959.

X b) «As persoas dos asentos baratos poden aplaudir; as dos caros, abonda con que axiten as xoias», John Lennon.

c) «Se vas facer algo, faino con estilo», Freddy Mercury.

9 . Teme que Roi Fernández saque un libro sobre vostede como o de Keith Richards sobre Mick Jagger?

a) Como se atreve a dicir iso! Eu non son unha farmacia ambulante.

b) Non estamos nisto polos cartos de manter viva a lenda. Mesmo levámonos ben.

X c) O de Wikileaks non vai ser nada ao lado do que podería contar el sobre min. E do que podería contar eu del. Ha. ha, ha.

Comentarios