sábado. 22.02.2020 |
El tiempo
sábado. 22.02.2020
El tiempo

Los viejos tiempos

EU son un rapaz de vila (a aldea non chegamos, pero segundo o censo imos camiño diso) e de cando en vez gústame visitar a capital. A miña dona sempre se ri de min comparándome con aqueles tipos que tan ben describiu Vicente Risco en ‘O porco de pé’, que van a Madrid e cando volven describen todo aquilo coma se estivesen falando da calella que vai por detrás da taberna que teñen diante da casa (ben pensado, xa nin tabernas hai). Eu coñezo moi pouco esa cidade, non me gusta demasiado e as miñas visitas de ocio resúmense nun café multinacional, xantares con amigos e moitas horas pasadas en enormes librarías do centro da capital.

Eu son moito de consumir en librarías de Lugo, pero hai que recoñecer que nesas excursións leva un ás veces agradábeis sorpresas. Andaba eu pola Central de Callao (imprescindíbel) a buscar unha obra. Tiven que preguntar a un dos rapaces que alí estaba e díxome que só a tiña en inglés. Cando inquirín, estrañado, pola diferencia entre o título no orixinal inglés e o título en español, este bo home resumíu en dúas pinceladas o desastre, aclarándome que a confusión viña da tradución francesa dos 50, louvando a obra, preguntándome se xa a lera e atendendo con interese á miña resposta, que foi unha louvanza da historia esquerdista de Thompson en Inglaterra e unha reflexión acerca das dificultades do tradutor para envorcar a palabra inglesa ‘literacy’ en algo tan importante coma un libro que un ten que agardar vender o máis posíbel.

'La cultura obrera en la sociedad de masas', de Richard Hoggart Falabamos de ‘La cultura obrera en la sociedad de masas’, de Richard Hoggart, un estudo sociolóxico pioneiro sobre a vida na Inglaterra de posguerra que inexplicabelmente quedou sen traducir durante décadas e que agora trae a editorial Siglo XXI, arriscándose a que moitas persoas non entendan os moitos detalles que se relatan e que fan da tradución, neste caso, unha tarefa de chineses.

Os libros de socioloxía e en xeral aqueles que tratan sobre vivencias persoais están contaxiados da febre do academicismo, da mala entendida necesidade das autoridades. Se un escribe unha obra científica baseada nas súas observacións -rigorosas-, será criticado por non contrapoñela aos sesudos estudos X e Y que, baseados en enquisas A e Z, aínda que estes últimos só se relacionen tanxencialmente co tema da obra orixinal. Por sorte isto non sempre foi así, e a Hoggart na parte descritiva desta obra non lle fai falla citar a ningunha autoridade para relatar a súa vida nos barrios obreiros do norte de Inglaterra, en Leeds e Hull, que poderían ser Manchester ou Newcastle. Son pinceladas impresionistas, xuízos arriscados, análises a vista de paxaro de vecindarios... En resumo, descricións da vida nos vellos tempos como poden facer os nosos maiores pasadas pola peneira daquel que foi quen de saír da miseria da clase obreira e acadar certos coñecementos que sistematizasen o vivido na súa infancia.

Se isto só fose un relato non estariamos falando aquí del: preferiría contarlles o que me pareceu a vida de Frank McCourt, un supoñer. Pero Hoggart incorpora unha tese que atopa, con pequenos cambios contextuais, pleno eco no noso tempo: que as clases altas e dirixentes utilizan os medios ao seu alcance -nos anos 50, seriais e literatura barata- para uniformar á clase baixa e facer un uso bastardo da cultura literaria.

Así, atopamos unha contraposición entre a cultura tradicional (practicamente extinta) e unha cultura pop que a substituíu e que permite a unha cooptación limitada que dá aparencia de rotación ao sistema. Por desgraza para os amantes do literario ou o musical, o papel da literatura e da educación que tan ben describe Hoggart é agora ocupado pola televisión, á espera de que as novas tecnoloxías rematen de apoderarse do pouco que resta daqueles vellos tempos e sexan a seguinte mostra de cultura da que si dirá que se é dañina é por culpa dos que a consumen, pobres ignorantes, e non dos que a crean para mantelos amarrados ao banco da falla de letras.

La cultura obrera en la sociedad de masas
Richard Hoggart

Editorial Siglo XXI

Páxinas 386 Prezo 31,90 €

(Publicado na edición impresa o 28 de xuño de 2014)

Los viejos tiempos
Comentarios