Os veciños de Xunqueira piden un plan para rehabilitar casas

A asociación de veciños Valdeflores de Xunqueira celebra mañá pola tarde unha reunión na que abordará diversos temas de interese para o barrio e peticións que lle queren transmitir ó Concello e demais administracións. Unha delas é a creación dun plan de axudas á rehabilitación de vivendas «similar ó de Viveiro», pois recordan que «aquí nunca se fixo» a pesares de que Xunqueira «foi o núcleo de poboación que tivo o primeiro Pepri, o plan de protección máis antigo de Viveiro», di Alfonso Otero Regal, secretario do colectivo.

Entre as reivindicacións que os veciños teñen «pendentes do Concello» están «deficiencias en obras que se fixeron en Xunqueira e que non foron subsanadas». Poñen como exemplo que o proxecto de urbanización do Camiño Real incluía a reforma do tendedeiro de roupa e o pulido do lavadoiro, e ademais piden o arranxo de «desperfectos na cantería do chan» e, «de forma especial», que se tire un edificio que «comezou a derrubarse cun temporal e no que hai ratas que parecen gatos». Ademais do derrubamento deste edificio, «que estaba prometido», din, os veciños piden o arranxo doutros inmobles situados «no mesmo entorno monumental e que parecen propios dunha zona terceiromundista».

Por outro lado están as obras que se están a realizar na ponte de Feve. «Foi unha petición nosa no seu momento para que se potenciara o paso e a obra resolta non resposta ás nosas expectativas», din. Outra das demandas dos veciños é poñer nomes ás rúas, pois Xunqueira «é o único barrio de Viveiro que non ten», e neste senso lembran que hai tres anos os veciños reuníronse e propuxeron que «o 90% dos nomes das rúas fosen os tradicionais, nomes de lugares», petición que o BNG se comprometeu con eles a levar ó pleno municipal.

Ademais, na xuntanza falarán das iniciativas a realizar este ano, no que continuarán cos cursos de labores do fogar, memoria e baile. Ademais queren facer un de informática «se o Concello presta os ordenadores» e outras actividades como un xantar de Entroido que será o 3 de marzo ou unha excursión que «con toda probabilidade vai ser a Asturias ou a León no mes de xuño», engaden.

Un asunto no que o colectivo estuda a súa participación é na organización das festas de Xunqueira, que son o primeiro fin de semana de setembro. Ata agora organizábanas eles mesmos, pero «agora é moi complicado porque non hai cartos», polo que prevén reducir o programa a algún acto simbólico un só día.

RENOVACIÓN
O presidente da directiva dimitiu

Na asamblea de mañá tamén darán a coñecer a nova directiva, que sofre cambios por mor da dimisión do ata agora presidente, Benigno González, por motivos persoais. Tamén elixirán novos vocais.

Plantación de árbores

Unha das iniciativas nas que participa a asociación nos últimos anos é a prantación de árbores autóctonos no entorno do campo da festa, e tamén por detrás do convento ca colaboración da Fundación Alcoa e dos voluntarios da fábrica.

80 anos

Son os anos dalgúns álamos plantados polos veciños nesta zona, posiblemente os máis vellos de Viveiro. «O ano pasado coméronnos algunhas das prantas», din, polo que nesta ocasión son máis grandes, levan unha protección de madeira e colocarán un cartel para que se respeten.

Comentarios