Os veciños de Pontoibo súmanse ás festas da malla

Ao redor de 150 persoas participaron na segunda edición desta cita tradicional
Varios momentos da malla de Pontoibo
photo_camera Varios momentos da malla de Pontoibo

O barrio de Pontoibo, nas Pontes, volveu ao pasado para recrear as tarefas dun día de malla, unha cita tradicional que reuniu ao redor de 150 persoas na súa segunda edición.

«Eu quería que a xente nova vira como hai que facer o pan, que foran conscientes de que hai que traballar, que non nace no supermercado», explicaba en plena faena Luis Ameneiro, o presidente da Asociación de Veciños de Pontoibo, que xunto coa de Mulleres Rurais, se encargou da organización desta viaxe no tempo.

«É o segundo ano que facemos a malla e aumentou moitísimo a participación. Esperamos mantela e que continúe así», dixeron os organizadores.

Os traballos recreáronse nunha finca próxima á capela de San Vicente, onde todos botaron unha man. Despois da malla, como en toda xuntanza que se prece, organizouse unha comida popular, gratis para os socios da entidade e por cinco euros para os demais asistentes.

Os integrantes do grupo de música tradicional pontés No Cómbaro foron os encargados de poñer a banda sonora a esta cita que xorde da memoria colectiva e a orquestra Sintonía de Sancovade, de Vilalba, fixo festa para animar aos presentes a bailar unhas pezas.

Comentarios