Lunes. 25.03.2019 |
El tiempo
Lunes. 25.03.2019
El tiempo

Los vecinos de Doncos recuperan el reloj de la torre de la iglesia, de 1908

Mecanismo do reloxo da torre da igrexa de Doncos
Mecanismo do reloxo da torre da igrexa de Doncos
Por moito tempo foi o único referente horario da parroquia. Funciona con corda e hai que subir á torre para darlla

O reloxo da igrexa de Doncos xa volve soar e os veciños séntense especialmente orgullosos porque a recuperación deste aparello emblemático é obra deles.

Trátase dun reloxo de corda que foi doado en 1908 pola viúva dun home natural do lugar, para que fose lembrado polos seus veciños. Foi feito por Canseco, que fabricou tamén o da Porta do Sol de Madrid, e durante moitos anos foi a única referencia horaria que había na parroquia de Doncos.

Funciona con corda e é necesario subir as escaleiras da torre da igrexa para darlla. Nos últimos tempos, este mecanismo foise deteriorando e ultimamente era necesario darlle corda con moita frecuencia, o que facía inviable o seu funcionamento. De aí que os veciños decidisen reunir diñeiro para renovar as cordas e limpar as engranaxes, de xeito que agora só teñen que subir ao campanario cada 30 ou 35 horas.

O regadío rexíase polo reloxo e podíase predecir o tempo porque se escoitaba diferente dependendo da dirección do vento

Para realizar este traballo foi necesario reunir uns 3.000 euros, a través de achegas de cada casa e a venda de calendarios. Unha vez disposto o diñeiro, encargáronlle o traballo a un especialista en reloxos de corda de Cataluña. Tras varios días de traballo para desmontar, limpar e volver colocar cada peza, Doncos recuperou o seu son.

A viúva que doou o reloxo, ofreceu como alternativa unha traída de auga, que os veciños rechazaron en favor do aparello. Non se arrepentiron, pois durante moito tempo serviulles de referencia para os traballos do campo, para non perder o autobús ou para organizar o regadío dos campos.

E é que as casas de Doncos non tiñan auga corrente cando chegou o reloxo, pero si había un sistema de regadío dos prados. Os turnos marcábanse semanalmente e todos se rexían polo toque do reloxo para abrir e pechar a auga. Tamén podían predecir o tempo, pois dependendo de onde viñera o vento o reloxo escoitábase dun xeito ou doutro.

Manuel Valcarce foi o encargado de darlle corda durante 52 anos, a cambio de oito quilos de pan que lle pagaba a parroquia. Cando o deixou, ocupáronse outros e incluso tentaron establecer un sistema de turnos, pero non funcionou.

Os veciños de Doncos descartaron poñerlle un motor ao reloxo porque acabaría coa súa esencia e agora barallan a posibilidade de contratar unha persoa para darlle corda ou establecer un novo sistema de turnos. De calquera xeito, queren que siga marcando o ritmo das súas vidas e farán o posible para que non volva calar.

Los vecinos de Doncos recuperan el reloj de la torre de la iglesia,...
Comentarios