Os veciños de Caraño rehabilitan con fondos propios o cemiterio parroquial

Acondicionaron con 33.000 euros tanto o interior como o exterior e organizaron un xantar de irmandade para celebralo. Agora solicitan axuda ás administracións para recuperar a igrexa
Asistentes ao xantar de irmandade de Caraño
photo_camera Asistentes ao xantar de irmandade de Caraño

A unión veciñal ás veces acada milagres. Iso é o que se pode desprender do conseguido polos veciños da parroquia polense de Caraño, que logo de facer un bote común lograron rehabilitar o seu cemiterio parroquial, que se atopaba nun estado bastante deteriorado.

«A asociación de veciños reuniu 33.000 euros con moito esforzo e foi ese orzamento o que se destinou aos traballos de mellora do cemiterio», explica o párroco, Miguel Asorey, máis que satisfeito co resultado final.

As obras, que se prolongaron durante varias semanas, consistiron nunha remodelación case completa, tanto da parte interior como exterior do camposanto.

«Adecentouse o perímetro, puxéronse corredores de cemento entre os nichos, abriuse unha porta na zona sur e tamén se instalaron beirarrúas no exterior», enumera Asorey, ao tempo que subliña que ademais se habilitou un aparcadoiro nunha explanada próxima para poder estacionar os vehículos.

Agora só falta instalar unhas novas portas, que xa están de camiño, para que todo o traballo desenvolvido polos veciños teña o aspecto que esperaban.

Todas estas tarefas eran imprescindibles e moi necesarias para recuperar un cemiterio que se atopaba «moi abandonado», tal e como sinala Miguel Asorey, que agradece o ímpetu de todos os veciños por xuntarse e recadar fondos, e con eles tratar de recuperar este emprazamento no que hai actualmente un total de 87 nichos.

Logo de que as obras chegasen ao seu fin, a asociación veciñal decidiu organizar unha xuntanza de irmandade para celebrar o remate dos traballos de restauración do camposanto, un evento que logrou un éxito rotundo.

«Actualmente viven en Caraño 125 persoas e acudiron ao xantar un total de 113», explica o párroco, deixando testemuña unha vez máis da profunda unión que existe nesta parroquia polense.

A xornada de festa permitiulles aos presentes compartir mesa e un menú a base de empanada, callos, pata de xato e postres, servido todo por Casa Cazoleiro de Meira.

«Foi un día moi fermoso, todos os veciños quedaron encantados e supuxo un momento moi importante, xa que non existía unha xuntanza anual e a partir de agora queren repetirla todos os anos», asegurou Asorey, quen precisou que a festa continuou ata ben entrada a tarde, con música de dúas zanfonas.

Templo. Agora as pretensións dos veciños de Caraño son as de poder recuperar a súa igrexa, deteriorada polo paso do tempo, e nun estado «ruinoso», como certifica o párroco, desexoso de que algunha administración se faga cargo dun proxecto serio de rehabilitación.

A igrexa de Caraño é de orixe gótica e foi obxecto de importantes reformas no século XVIII, polo que boa parte da súa estrutura é barroca. A porta principal está dentro dunha zona porticada e conserva un deseño gótico cun arco oxival con varias voltas, mentres que a fachada é máis austera e culmina cun camparario.

«O Concello de Pol estivo traballando hai pouco nos xugos das campás para que non se viñesen abaixo. Pero a situación da igrexa é dun estado ruinoso total», sinala o cura, que asegura que o teito está afundido e as paredes abertas.

«É unha pena, xa que a igrexa ten un valor histórico importante. Conta cunha espadana moi bonita que aínda se mantén e sería unha mágoa perdela», incide Miguel Asorey, quen espera, co apoio dos veciños, conseguir o compromiso das administracións con este templo.

De feito, hai cinco anos, o rexedor, Lino Rodríguez Ónega, xa advertiu da situación e incluso solicitou que se declarase ben de interese cultural (BIC). «É unha igrexa do século XVII que conta cuns retablos que están moi tereriorados», polo que pediu ao ministerio que, a través do 1% do orzamento que se destina a bens culturais, procedesen á súa recuperación.

Comentarios