O tiro de corda completou a xornada matinal

Os vascos impoñen a súa lei no campo da Lama

Igotz Bilbao, de doce anos, gañou por segundo ano consecutivo a célebre carreira de burros do Saviñao

A intensa calor que fixo ao longo destes días ofreceu unha tregua para que Escairón vivise onte un dos seus eventos máis típicos no último día de celebración das súas festas patronais. A carreira de burros é unha fonte de diversión, gargalladas e emoción nos ateigados arredores do céntrico campo de fútbol da Lama. Os animais deben recorrer ao longo e ancho do terreo, por detrás das dúas liñas de fondo e laterais que habitualmente serven para delimitar o espazo de xogo.

E como xa acontecera na edición de 2015, a proba tivo o acento vasco do gañador. Igotz Bilbao Sistiaga só ten 12 anos, pero leva oito competindo neste tipo de torneos. Coa súa mocidade xa pode ser considerado un experto xinete. O ano pasado gañou 34 carreiras. No actual participou en tres (a de Escairón foi a terceira) e en todas conseguiu a vitoria.

O triunfo acadado por Igotz Bilbao puido comezar a adiviñarse nas roldas de clasificación. O seu burro, de nome Niño, correu case a pracer durante a primeira manga e galopou con velocidade na final para levar o primeiro premio. Felicidade do novo xinete e orgullo de Juanjo, o seu pai, propietario dun animal moi veloz que recibiu multitude de agarimos ao finalizar a competición. "Es el mejor", proclamaba Igotz. Se cadra o segredo do éxito reside aí, na relación de afecto entre ser humano e burro.

MÁIS DE 40. A carreira medrou en popularidade co paso dos anos, ata o punto de recibir a ganderías de diversos puntos e atraer a atención de numeroso público tanto de Escairón coma de lugares próximos.

Segundo os organizadores, había un total de 45 burros inscritos. Por detrás de Igotz Bilbao quedaron dous irmáns de Abegondo. Andrés Pérez Veira, de 14 anos, conquistou a segunda posición aos lombos de Dinamita, mentres que Antón Pérez Veira rematou terceiro montando a Genaro. Foron os tres mellores dunha final na que correron doce burros dos 45 que iniciaron a competición.

As seis primeiras mangas decidiron os finalistas. Dividiuse aos burros e aos seus xinetes en distintos grupos que debían completar o trazado rectangular nos dous primeiros postos.

Como un pode imaxinar, houbo un pouco de todo o que pode acontecer nun evento coma este. Desde confusión dos animais nas saídas a problemas das persoas para subir nas costas dos mesmos pasando por xiros inesperados e algunha que outra caída.

Non houbo que lamentar ningún accidente, grazas en parte ás medidas de seguridade implantadas para que nin público, nin xinetes, nin animais sufrisen ningún tipo de dano. O resultado foi unha xornada de diversión, coas nubes suavizando o verán tan seco e quente que tocou vivir na Ribeira Sacra.

Os mellores locais foron o burro Morgade o seu xinete, Roberto López Castro, de Escairón. O premio por ser o primeiro da Ribeira Sacra foi o peso do home en viño desta denominación.

Comentarios