Aínda hai prazas en 34 ciclos medios e superiores de institutos mariñaos

Institutos de Foz, Mondoñedo e Ribadeo ofertan esta posibilidade de combinar a teoría con prácticas remuneradas a 500 euros o mes ►Ademais, outros 31 ciclos medios e superiores de toda a comarca manteñen as súas listaxes de matrícula abertas durante esta semana
Profesor e alumnado, nos talleres do IES María Sarmiento
photo_camera Profesor e alumnado, nos talleres do IES María Sarmiento

«Estudar un ciclo xa non se considera unha opción de menor calidade ou de menos capacidade que acudir á universidade». Baixo esta premisa dunha actual directora de instituto que contén ciclos formativos no seu currículum educativo (neste caso María Elena Pérez Inés, do IES María Sarmiento de Viveiro) atópanse os 37 títulos deste tipo que ofertan os centros da Mariña e entre os cales destaca a novidade da opción dual. Uns días despois de comezar o curso, moitos dos ciclos gardan aínda prazas libres.

Foz, Mondoñedo e Ribadeo son os tres concellos con institutos que ofertan a novidosa modalidade dos ciclos duais, e os tres manteñen as matrículas abertas durante esta semana. A opción dual consiste na combinación da formación teórica -clase presencial nas aulas dos centros educativos- coas prácticas de traballo remuneradas, e presenta unha boa opción para aquelas persoas que queiran chegar antes aos postos laborais que, se ben non están pagados co mesmo soldo dun traballador cun contrato real, si dan para manterse uns meses ao tempo que a persoa se continúa a formar.

O ciclo superior dual do IES de Foz é o que, a día de hoxe, conta cunha maior demanda. A dobre titulación de Dirección de Cociña e Dirección de Servizos conta cun total de 15 prazas, ás cales se accede por selección de currículum vitae e entrevista persoal. «Agora temos xusto 15 solicitudes pero non todas están pasando a entrevista, co cal agardamos que se presentan á mesma máis interesados en matricularse, pois quedará máis dunha praza libre», sinala un dos profesores do ciclo. Estes estudos teñen unha duración de tres anos, dentro de cada cal existe un periodo teórico de seis meses e un periodo práctico doutros seis. «As prácticas fanse en Arlea Hotels, que forman parte do importante grupo Hotusa, e ofrecemos cubrir os costos de aloxamento e desprazamentos, ademais dos 500 euros que se lle dan ao alumno en compensación polo seu traballo en prácticas», sinala.

Estos 500 euros mensuais en concepto de beca son os mesmos que financian ao alumnado dos ciclos medios duais do IES San Rosendo (Mondoñedo) e do CIFP Porta da Auga (Ribadeo). No caso do primeiro, co título en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, ten unha duración de dous anos, con dous trimestres de clases ao ano por un de prácticas en empresas madereiras da zona e, das 16 prazas das que dispoñen, esperan aínda por 11 novos alumnos ou alumnas.

O ciclo de Electromecánica da Maquinaria do CIFP ribadense, que dispón de 7 prazas libres das súas 12 totais, constitúe unha das mellores opcións para os que se decantan por esta rama de estudos mecánicos, pois propón unha formación de tres anos con tres meses de estudos teóricos por nove meses de prácticas remuneradas ao ano.

MEDIOS E SUPERIORES. Ademais das 43 prazas en estudos duais, das que queda libre cando menos unha vintena dos estudos duais (18 en Mondoñedo e Ribadeo, máis as que queden das entrevistas para o ciclo hosteleiro de Foz), un total de oito centros mariñáns teñen unha ampla oferta en ciclos medios e superiores e aínda teñen as súas prazas por completar -como se precisa na táboa de contidos presentada nesta páxina-.

Destaca o IES Porta da Auga cunha oferta de dez ciclos, dos cales o superior de automoción ou o de educación infantil esgotan as súas prazas; e que dispón de atractivos campos de estudo que afondan na diversificación coma o ciclo de atención a persoas dependentes ou o de decoración e interiorismo. A opción dos estudos a distancia ou da opción de horarios (ordinario ou adulto/nocturno) son algunhas das variables que axudan á hora de escoller títulos.

Os estudos enfocados á administración son os grandes triunfadores en canto a demanda, pois preto dun centenar de mariñáns xa se matricularon para na súa formación. A capacitación e as saídas profesionais priman, en ocasións, a escolla dos estudos a cursar. Con todo, os ciclos do IES María Sarmiento de Viveiro gardan tódolos anos unha boa morea de matriculados que se queren especializar no sector do automóbil, ao igual que o IES de Foz que afonda en catro plans da hostelería como parcelas profesionalizantes.

MATRÍCULA. Esta mesma semana estanse a liberar as prazas non cubertas, co cal o profesorado e dirección dos centros educativos animan a que ninguén se quede de brazos cruzados neste curso.

«Estamos ante un cambio de ideal, facer un ciclo non ten unha condición inferior ca outros estudos e incluso pode ter unha saída profesional máis rápida ca os graos», sinalaba a directora do María Sarmiento, María Elena Pérez: «parte do alumnado queda desencantada cando se mete no bacharelato ou na universidade sen moita convicción; vemos que alumnos de ESO toman optativas aplicadas que enfocan aos ciclos». A directora vaticina que «se a situación económica non cambia, os ciclos terán máis demanda».

Comentarios