Los socios de Icos comparten cena

Ao evento asistiron uns 1.800 membros da cooperativa e ademais da comida expuxeron as contas
Distintas mesas na cea da cooperativa Icos.
photo_camera Distintas mesas na cea da cooperativa Icos.

Os socios da cooperativa chantadina Icos celebraron, coma todos os anos, unha cea de confraternidade. No evento que tivo lugar nas instalacións do mercado gandeiro da vila do Asma participaron ademais dos agricultores e gandeiros cargos institucionais de diversos ámbitos, dos concellos de Monterroso, Taboada e Chantada, Deputación e Xunta e o presidente da cooperativa, Javier Taboada.

O mercado gandeiro chantadino converteuse nun lugar de festexo no que ademais dunha tradicional cea houbo tamén música.

A ledicia polas metas acadadas dende o colectivo mesturouse durante o encontro coa preocupación polo estado do sector primario na comunidade.

O presidente da cooperativa, Javier Taboada, amousouse moi satisfeito cos resultados que a colectivo acadou, ao mesmo tempo que manifestou a súa preocupación polo «complicado momento que está a pasar o sector leiteiro», dixo.

Taboada lembrou que «os custos de produción para os gandeiros son altos, mentres que os prezos son moi baixos e iso impide que hoxe non existan explotacións que teñan unha conta de resultados positiva», afirmou.

A cooperativa Icos, que reúne algo máis dun milleiro de gandeiros e agricultores da comarca chantadina e O Deza, en Pontevedra, facturou o pasado ano 51 millóns de euros, o que supón un 15 por cento máis ca no período anterior. Desta cantidade, a cooperativa acadou uns beneficios de preto de medio millón de euros, feito que o presidente do colectivo calificou de «moi satisfactorio».

Javier Taboada amosouse entusiasmado co balance e co camiño polo que van os proxectos que ten en marcha a cooperativa. Tamén dixo sentirse «esperanzado con que os tempos que virán sexan mellores», xa que asegurou que «estamos a traballar con lóxica e esforzo e apostando polo futuro».

Comentarios