Os primeiros anos do instituto

O IES Basanta Silva de Vilalba recolle nunha mostra, que pode verse no auditorio ata xullo, fotos e documentos dos comezos do centro

A exposición ‘Os primeiros anos do instituto’ ofrécelle ao visitante o que o seu nome indica, un amplo repaso, a través da documentación e das fotografías, dos pasos iniciais do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, dende o ano do seu nacemento, o 1966, ata o 1980.

Co gallo do cincuentenario do instituto, o Iescha e o centro mergulláronse no pasado para darlle forma a esta completa mostra, coordinada polo vicedirector Carlos Gómez Osa. A través de 52 paneis, lémbrase a construción do centro, pónselle cara aos primeiros 1.103 alumnos (os matriculados ata o curso 1977-78), recupéranse algúns expedientes brillantes e redescúbrense actividades do centro. O espectador pode, ademais, trasladarse visualmente á Vilalba e as festas da época ou repasar os artigos publicados no xornal El Progreso.

Ao visitante aconséllaselle seguir unha orde determinada, xa que a documentación está organizada cronoloxicamente, para transportarse décadas atrás, aos tempos do franquimo, e descubrir así non só aquelas cousas que se poden observar a simple vista, senón os pequenos detalles espallados pola sala.

A linguaxe empregada nos documentos, os conflitos entre profesorado e administración, os modelos de orlas, as cartillas de escolaridade ou as grandes dimensións do libro que recolle as cualificacións dos alumnos dende o 69 ata o 86 son algunhas das sorpresas que agocha esta mostra que algúns tamén lles posibilita revivir os seus ‘eus’ do pasado.

«Foi traballoso», asegura Gómez Osa, que precisa que darlle forma a esta mostra levou case un ano, xa que, por exemplo, a documentación non estaba ordenada, non había listaxes do alumnado dos primeiros anos e en moitos expedientes faltaban as fotos.

Mais mereceu a pena, tal e como se puido constatar na inauguración do pasado venres. «Creo que gusta, só había que mirar as caras da xente, permítenos desempoar a memoria», di o vicedirector do centro, que lembra a imprescindible colaboración de Chema Felpeto, María Xosé Pernas, José Luis Carrasco, Helena Illán e Gabriel Anaya para darlle forma a esta completa e complexa mostra.

‘Os primeiros anos do instituto’ poderase ver no auditorio Carmen Estévez de Vilalba, ata o 10 de xullo, e, aínda que non está decidido, a idea do centro é conservala de cara ao futuro, quen sabe se para conmemorar o 75 aniversario.

Comentarios