Os prezos dos combustibles

OS PREZOS dos combustiblesestán a alcanzar de novo prezos moi elevados, que están actualmente en 1,16 e 1,25 euros por litro para o gasóleo e a gasolina, respectivamente.
De novo parece que estamos ameazados por unha escalada de prezos nun asunto tan básico como a enerxía, que non afecta só ao conxunto da actividade económica, senón tamén á renda das familias; sobre todo para o grupo amplo de cidadáns que temos que desprazarnos a diario en coche ao noso traballo pola inexistencia dun transporte público adecuado á xornada laboral, unha materia que segue pendente de resolución en Galicia e sobre todo nas dúas provincias do interior.

No último ano e medio o petróleo subiu desde os 45 até os 90 dólares para unhas cotizacións referidas a un barril duns 160 litros. Hai uns dous anos xa se rexistrou un episodio similar cando pasara dos 70 dólares do ano 2007 a un máximo de 140 dólares en xullo de 2008.

Desde un punto de vista global as causas iniciais desta escalada de prezos parecen ser debidas ao aumento do seu consumo, tanto pola recuperación da crise como polo peche de plantas contaminantes de carbón en China. Pero a elas uniuse como noutras ocasións a especulación no mercado de materias primas que provocou unhas maiores subidas no seu prezo.

O resultado final son os 30 céntimos por litro que estamos a soportar no prezo do gasóleo sobre a situación de comezos de 2009 cando o petróleo estaba nos 45 dólares por barril. Dese aumento no gasóleo uns 22 céntimos son debidos á subida do produto e os 8 restantes á repercusión dos impostos.

Nun produto tan básico para a actividade económica deberíanse extremar os controis para que o mercado funcione en competencia e transmítanse sen abusos as posibles repercusións dos prezos das materias primas nos produtos finais. Neste sentido hai dous asuntos de interese que posiblemente están relacionados co elevado grao de concentración económica neste
sector, que favorece unha posible diminución desa competencia.

O primeiro está no prezo do gasóleo en España antes de impostos, que é un 6% superior a outros países europeos como Francia e Alemaña, que é unha situación que ás veces pasa inadvertida, porque o prezo final do gasóleo é superior neses países, debido a ter un nivel superior nos impostos que gravan este produto. O control deste mercado na escala industrial por parte de tres empresas que dominan máis do 80% das vendas pode estar a favorecer unha situación pouco competitiva.

O segundo refírese ao prezo nas estacións de servizo, onde os prezos son practicamente idénticos na maior parte delas, se exceptuamos as ligadas a certos establecementos
comerciais. Os prezos do gasóleo sitúanse estes días xusto en 1,16 euros sen chegar sequera a unha diferenza dun céntimo. Este nivel de coincidencia tan rechamante de novo ten que ver co elevado grao de concentración existente a esta escala do consumo.

Por todo iso sería conveniente que os órganos da competencia tratasen de analizar e seguir esta situación que existe desde hai anos e que resulta cando menos paradoxal cunha situación de competencia efectiva. 

Comentarios