Os premios Mariña Folgueira enxalzan os valores da vida na aldea

O terceiro certame de redacción xornalística de Reigosa, no que resultaron premiados Marcos Eiros, Paula Parada, Ana Álvarez e Sabrina Pérez, centrouse no tema Presume de Terra
Os catro premiados, cos membros do xurado e representantes dos seus centros educativos e da asociación veciñal de Reigosa
photo_camera Os catro premiados, cos membros do xurado e representantes dos seus centros educativos e da asociación veciñal de Reigosa

O acto de entrega de premios do III Concurso de Redacción Xornalística Mariña Folgueira converteuse nunha dobre homenaxe: á xornalista e veciña de Reigosa que lle dá nome ao certame e á que todos os presentes lembraron con cariño, e á importancia do local e da vida na aldea, temática sobre a que versaba este ano o certame, ao que concorreron máis de cen traballos.

Os "millóns de afectos" que posuía Mariña, "unha muller de aldea", segundo dixeron Mini e Mero –os dous foron os encargados de pór a nota musical no emotivo acto–, impregnaron cada unhas das redaccións gañadoras, lidas polos propios autores.

O público puido escoitar o completo paseo pola Pastoriza de Marcos Eiros, do Ceip O Salvador, e o canto, por momentos reivindicativo, á beleza da Ribeira Sacra de Paula Parada, do CPI San Tomé de Carballo de Taboada, que lles supuxeron os premios do segundo e do terceiro ciclo de primaria, respectivamente.

En secundaria, as distincións foron para Ana Álvarez, do instituto buroego Fontem Albei, quen salientou o moito que ten que ofrecer A Fonsagrada, e para Sabrina Pérez, do IES A Pinguela de Monforte, por reflectir a lendaria historia das orixes da Ribeira Sacra. Este último foi ademais o mellor valorado polo xurado, polo que o seu centro educativo recibiu unha escultura doada por Luis Loureda como agasallo.

Os membros do xurado, todos eles presentes na entrega de premios, destacaron o nivel dunhas redaccións que inciden en que "unha aldea é a explicación do mundo enteiro", augurándolle un bo futuro a moitos dos autores e recoñecendo que outras obras poderían ter sido premiadas.

Os xornalistas Xosé Pereira e Xosé Ramón Pousa, o escritor Xosé Rúas Araújo, o crítico literario Xosé Torres e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, tamén lle dedicaron unhas verbas a Mariña, unha persoa "auténtica", que "deixou marca".

Aos eloxios e lembranzas sumouse o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, nun acto celebrado coincidindo co aniversario do pasamento de Mariña Folgueira no centro cultural de Reigosa que leva o seu nome. A emotiva xornada completouse co recitado dun poema a cargo de Alba Silva e a proxección de dous vídeos sobre Mariña, os premios e Reigosa, feitos por Presume de Pueblo para a asociación de veciños de Reigosa, responsable de todo o evento.

Comentarios