Os peregrinos reclaman máis medidas de seguridade no Camiño para evitar accidentes coma o do Pino

Esíxenlle á Xunta que recupere o trazado tradicional das rutas xacobeas nos lugares onde foi ocupado por fincas particulares para evitar o desvío dos camiñantes polas estradas. Calculan que hai preto de 50 puntos especialmente perigosos nos camiños que pasan pola provincia de Lugo. Piden que se sinalicen correctamente e que se limite a velocidade do tráfico
Peregrinos, en Palas
photo_camera Peregrinos, en Palas

O atropelo que lle custou a vida a unha peregrina lucense en Arca (O Pino) fixo saltar todas as alarmas e as asociacións de peregrinos levantaron a voz, unha vez máis, para chamar a atención sobre os perigos que corren e reclamar medidas de seguridade.

Os peregrinos camiñan pola beira das estradas, teñen que cruzalas moitas veces ao longo do traxecto e contan coa única protección que lles dan a súa precaución e a dos condutores que lles pasan polo lado. Pero ás veces os cinco sentidos non son suficientes cando os factores de risco se acumulan. É entón cando as medidas de seguridade adicionais teñen unha importancia vital. O problema é que nas rutas xacobeas que atravesan a provincia de Lugo estas precaucións son escasas.

Os camiños de Santiago son o maior atractivo turístico de Galicia e conseguen manter o fluxo de visitantes durante todo o ano, aínda que a afluencia é maior no verán. No mes de maio, a Oficina de Peregrinacións de Santiago rexistrou a chegada de 31.078 persoas. Estes datos constatan un continuo tránsito de peregrinos a pé, en bicicleta ou a cabalo polas distintas rutas xacobeas que cruzan Galicia e, curiosamente, esta concentración de xente apenas conleva medidas de seguridade especiais que diferencien estes camiños de calquera outro.

Sinalización. Desde a Asociación de Amigos del Camino de Santiago de la Provincia de Lugo, á que pertencía a peregrina falecida no atropelo de Arca (O Pino), reclaman, como medidas inmediatas, unha sinalización axeitada e limitación de velocidade nos tramos onde os camiñantes teñan que ir polas estradas.

O seu presidente, Ángel Trabada, di que é urxente regular axeitadamente o tráfico de vehículos nas zonas máis transitadas das rutas xacobeas. A maior parte dos tramos conflitivos coinciden con estradas de intensa circulación e o maior perigo para os camiñantes son os coches.

Os responsables das asociacións din que están fartos de alertar sobre o perigo que isto xera e lamentan que teñan que acontecer sucesos tráxicos como o último atropelo para que o problema saia á luz. Reclaman atención das deputacións provinciais, da Xunta e do Goberno central, administracións ás que compete o coidado das distintas vías que se cruzan cos camiños de Santiago.

«Hacer pasos elevados o subterráneos para cruzar sería lo ideal a largo plazo, pero ni siquiera pedimos eso ahora. Lo más urgente es pintar pasos de peatones en los lugares donde es imprescindible que los peregrinos atraviesen carreteras, tan simple como eso», explica Ángel Trabada. Incluso botaron contas: «Pintar un paso de peatones cuesta 184 euros contratando una empresa particular, mucho menos si lo hace una administración pública con medios propios».

velocidade. A asociación lucense reclama, tamén, que neses puntos conflitivos se limite a velocidade dos vehículos. Na maioría dos tramos está permitido circular a 90 quilómetros por hora e os camiñantes piden que se rebaixe esta velocidade. «La efectividad de frenada de un vehículo no es igual a 50 que a 100 kilómetros por hora, y la capacidad de reacción del conductor y del peatón, tampoco», explica Trabada, quen considera que sería efectivo para incrementar a seguridade que os coches que circulan ao pé dos peregrinos pasen amodo.

Reclaman, ademais, sinalización vertical axeitada dos tramos e cruzamentos perigosos, para que tanto os camiñantes como os condutores sexan conscientes de que deben extremar as precaucións neses puntos.

Os membros da asociación lucense teñen estudado a fondo todos os camiños que pasan pola provincia e localizaron arredor de 50 puntos perigosos. Están elaborando un informe que entregarán a todas as administracións implicadas. Incluirá tanto os problemas das rutas como as medidas necesarias para solucionalos.

a clave. Pero o que habería que preguntarse é por que motivo os peregrinos camiñan polas estradas. Asociacións e estudosos do Camiño coinciden na resposta: porque o trazado antigo da ruta desapareceu entre as fincas privadas. O historiador Ricardo Polín, colaborador do Foro do Camiño, é especialmente crítico con este aspecto e a Asociación de Amigos del Camino de Lugo coincide con el.

Polín asegura que o 90 por cento dos tramos nos que os camiñantes transitan por estradas serían evitables se as rutas xacobeas seguisen os trazados medievais. Por este motivo, o Foro do Camiño presentou diversos recursos ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para reclamar a volta dos camiños ao seu trazado antigo en determinados puntos onde foi desviado.

Polín acusa ás administracións de desidia ante este feito e lembra que hai unha lei que as obriga a protexer o trazado dos camiños fronte aos intereses particulares.

A maior parte dos puntos conflitivos que o Foro dos Camiños ten recorridos ante o TSXG derivan de ocupacións da ruta por parte de particulares. «Para a Administración é máis cómodo desviar os peregrinos pola estrada que obrigar aos particulares a devolver a calzada antiga da que se apropiaron e que hoxe está dentro de fincas privadas pechadas», explica.

Como exemplos, cita dous tramos do Camiño Primitivo ao seu paso polo municipio de Lugo, concretamente, o treito entre Bascuas e Carballido e o de San Xoán do Alto, desde Santo Matías á igrexa e cara a San Vicente do Burgo. Os peregrinos camiñan pola estrada en ambos casos porque as rutas orixinais están interrompidas por peches particulares e vense obrigados a cruzar as vías varias veces.

Ricardo Polín reclama a recuperación do trazado histórico e do seu entorno, «porque ao desviar o Camiño pérdese o sentido da ruta, ao alonxala das pontes, das igrexas, dos hospitais».

O historiador sostén que «chega con garantir o dereito de paso. Nin sequera hai que expropiar, pero o que non se pode permitir é que os particulares pechen os camiños e as administracións non fagan os deberes».

interese económico. Tanto Ricardo Polín como Ángel Trabada piden sensibilidade das administración fronte ao interese económico. Sosteñen que o trazado actual das rutas xacobeas responde, nalgúns puntos, a intereses económicos e piden que se respecte o valor histórico do Camiño e a seguridade dos peregrinos.

Trabada cita como exemplo a oposición dos comerciantes de Baamonde ao trazado pola beira do río e a súa insistencia en que atravese o núcleo urbano pola beira da estrada. «La Xunta aceptó una alegación nuestra en este punto cuando revisó el trazado del Camino Norte, pero la alternativa a la carretera continúa sin señalizar y los peregrinos siguen yendo por delante de los bares y continuamente pegados a los coches, cuando hay una ruta mucho más segura y agradable, lejos del tráfico, bajo árboles y al pie de un río».

maleza. A falta de coidado do Camiño nalgúns puntos obriga tamén aos peregrinos a tomar rutas alternativas.

É o caso do treito que atravesa o barrio do Carme en Lugo. Nesta época, o trazado nin se intúe entre a maleza e a maioría dos camiñantes escollen a Rúa Santiago como alternativa para saír da cidade.

información. Tanto Polín como Trabada consideran que a información é moi importante para evitar accidentes. «Informar y concienciar tanto a peregrinos como a conductores es fundamental», afirma Trabada.

Ricardo Polín aposta por botar man dos hospitaleiros para este labor. «Se en cada albergue se advirte dos perigos que ten cada tramo os peregrinos van sobre aviso e estarán máis atentos. Esa información pode evitar moitos accidentes», indica.

Trazados seguros, sinalización dos puntos perigosos e concienciación de que cinco sentidos son poucos parecen ser os xeitos máis inmediatos de evitar accidentes no Camiño. Os peregrinos propoñen solucións, pero saben que non serán viables sen apoio das administracións.

A Asociación de Amigos del Camino de Santiago de la Provincia de Lugo quere chamar a atención sobre os puntos máis perigosos dos camiños de Santiago. A súa primeira acción para conseguilo consistirá en efectuar cortes de tráfico neses lugares, comezando polo punto de Arca onde faleceu a súa compañeira o domingo pasado, cando realizaba unha das últimas etapas do Camiño.

«Nuestra idea es hacer una cadena humana para simular un paso de peatones que proteja a los peregrinos que crucen en ese momento por el lugar», explica Ángel Trabada, presidente do colectivo.

Levarán esta medida reivindicativa a distintos puntos dos tres camiños que pasan pola provincia de Lugo -Francés, Norte e Primitivo- para facer ver que en todas as rutas hai tramos conflitivos.

Trabada indicou que os membros da asociación lucense están dispostos a «pintar nosotros mismos los pasos de cebra si las administraciones responsables de las carreteras nos autorizan». O importante, indica, é que se tomen medidas de seguridade vial cando sexa imprescindible que os camiñantes atravesen as estradas.

Ricardo Polín Historiador e colaborador de Foro do Camiño Para a Administración é máis cómodo desviar os peregrinos que obrigar aos particulares a devolver a calzada da que se apropiaron» Ao desviar o Camiño pérdese o sentido da ruta, ao alonxala de pontes, igrexas e hospitais» Ángel Trabada Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Lugo Hacer pasos elevados o subterráneos sería lo ideal a largo plazo, pero lo urgente es pintar pasos de peatones» Informar de los peligros y concienciar tanto a peregrinos como a conductores es fundamental»

Comentarios