Os ouroleses recibiron consellos da Garda Civil para previr timos e estafas

Asistentes á charla en Ourol sobre timos e estafas (Foto: José Mº Álvez)
photo_camera Asistentes á charla en Ourol sobre timos e estafas (Foto: José Mº Álvez)

O departamento de servizos sociais do Concello de Ourol organizou onte unha charla sobre timos e estafas á que asistiron veciños do municipio e de parroquias achegadas. Esta actividade está enmarcada dentro do Plan Maior de Seguridade promovido dende o Ministerio do Interior, e impartírona representantes da Garda Civil. As conferencias, que se están facendo en toda a Mariña, teñen moito éxito.

«Esta é a número 14, e por agora estamos moi contentos coa participación que ronda entre as 20 e as 70 persoas», afirma o garda que imparte a charla.

Os ouroleses aprenderon cales son as formas máis comúns dos timos nas áreas rurais e atenderon con interese os consellos para tratar de evitalos. «Están moi interesados no tema das estafas nos servizos básicos como o do gas. Ven as noticias por televisión e sempre coñecen casos de xente que timaron», di. Os representantes da Garda Civil sinalan que «nesta época de crise, os vándalos agudizan o inxenio e volven a empregar timos como o da estampita ou o da mancha que hai máis de 20 anos que non facían. Nas zonas rurais o que máis se repite é a estafa nos servizos básicos porque aínda que a xente está avisada sempre hai algún que cae», engade.

O veciño de Xerdíz Arístedes Camba apunta que asisten á charla con intención de «coñecer os consellos porque sempre podemos aprender algo novo. Esta información nunca está de máis sabela, aínda que o que máis medo nos dá non é que nos rouben, senón que nos dean unha tunda».

Comentarios