Os ollos tan grandes de Shokria

TEN pouco máis de oito meses e apenas pesa tres quilos, pero xa coñece a fame, a seca, a fuxida cara a ningures. É dicir, cara a Dadaad, aldea convertida na terceira cidade de Kenia, con 400.000 refuxiados somalís. Tan miudiña, ten tres cousas grandes: o cabezón derrubado sobre os peitos baleiros da nai, o bandullo inflado de vermes e uns ollos grandes inmensamente abertos.

Shokria é unha nena somalí que entra estes días nas nosas cociñas a través da ventá da televisión, xusto á hora de comer. Chega desde o Corno de África, Somalilandia, Puntlandia, un país sen estado: Somalia condenada a morrer de fame unha e outra vez.

A seca, o desgoberno, a inseguridade, a loita entre clanes, a lei do kalashnikov, señores da guerra envelenados de fanatismos relixiosos, unha guerra civil enquistada desde hai 20 anos que impide o nomadismo como defensa contra a seca, todo empurrou á nai a fuxir cara ao sur, onde o vento trae noticias dun campo de refuxiados que ole a comida.

Mentres camiñan sobre unha paisaxe de pedras non poderán ler nos xornais, nin escoitar nas radios, nin ver nas televisións o aviso da Fao de que hai máis de medio millón de nenos en situación crítica. E que a malnutrición que condena a Shokria vaise estender ao 50% da poboación somalí, e que ameaza a doce millóns de seres humanos.

A nai ergue os ollos ao ceo: non hai deuses, só voitres que seguen a caravana de famélicos. Non entenden que ademais da peor seca dos últimos sesenta anos, teñan que soportar que o prezo dos alimentos medre un 270% no último ano.

A seca non é desgraza nunha terra de auga escasa. A desgraza ten nome, gravata e apelidos. A nai de Shokria non o sabe, pero os mesmos que especulan contra o euro e colocan de xeonllos a países enteiros no sur de Europa, son os que na Bolsa de Chicago fixan o prezo da fame. É dicir, do arroz, do millo, das fabas e doutros alimentos básicos. Estes tafures do neoliberalismo máis depredador desestabilizan países enteiros e condenan a morte a millóns de seres humanos. Jean Ziegler, relator da Onu para o Dereito á Alimentación recorda que un neno morto de fame é un neno asasinado. E que a solución do problema da fame non é dar máis, senón roubar menos.

A nai de Shoka xamais oíu falar da Bolsa de Chicago onde se especula contra os seres humanos. Non entende de porcentaxes que petan no tambor de bandullos baleiros. Pero sabe que hai un ano podía cambiar unha cabra por trescentos quilos de gran. Agora só lle darían cincuenta, se tivera un animal.

Camiña e, cun delicado xesto da man, espanta as moscas da cara da nena. Hai días que xa non oe chorar a Shokria, pero os seus ollos, tan grandes, sempre están abertos.

Comentarios